15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de Viveiro pide un informe á Intervención para saber por que non se paga o incentivo por xubilación a traballadores do Concello

08-11-19

Viveiro, 8 de novembro de 2019. O grupo municipal do PP de Viveiro intenta aclarar por que non se aboan as cantidades adebedadas en concepto de incentivo de xubilación aos traballadores que foron persoal laboral do Concello. Os edís populares non quedaron satisfeitos coas respostas e explicacións que deu a alcaldesa, María Loureiro, ás preguntas que presentaron sobre este asunto no pleno do pasado 2 de outubro. Agora solicitan un informe da Intervención municipal co que esperan que, por fin, esta cuestión quede clara e resolta.

A alcaldesa, segundo os concelleiros do PP, dixo nas súas respostas que ante a existencia de dúbidas na interpretación deste concepto, atendendo ao establecido no convenio, na lexislación vixente e na xurisprudencia existente ao respecto, que foi variando ao longo dos anos, estase a estudar a natureza propia destes incentivos así como a posibilidade legal do seu outorgamento. Engade que aboar ou non ditos incentivos non depende da alcaldía, xa que é unha decisión que ten que contar cos informes favorables correspondentes. Di tamén que hai sentenzas do Tribunal Supremo, dos anos 2018 e 2019, que complican a situación e que se está analizando a posibilidade de poder outorgalos. Apunta que por parte de Intervención hai dúbidas e que se está á espera de poder contar cos informes favorables para poder conceder estes incentivos.

Os membros do grupo popular expoñen con claridade na súa petición de informe as cuestións para as que queren respostas. Son as seguintes: Cales son as dúbidas de intervención, sobre este concepto que cita a alcaldesa, e cales os motivos polos que os incentivos non está claro que se podan outorgar. Igualmente, os edís populares queren coñecer cal é a cantidade que se debe por dito concepto e cal é o número de traballadores afectados.

Por último, o Grupo Popular pregunta cales son as razóns para que dende o ano 2012 non se emitira un informe, favorable ou desfavorable, para darlle solución a este problema e cando se estima que estará dispoñible dito documento para resolver esta cuestión.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive