13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“Que non nos enganen: dúas novas económicas que afectan a Galicia”, por Antonio Gregorio Montes

23-12-19

Temporal. Unha cancelación dunha actividade que me afecta polo Fabien. O tempo está tolo. E coa economía quérennos tolear.
Pode parecer que non teñen relación, pero as dúas novas de onte (20/12) que remato de ler e que afectan a Galicia coido que si teñen relación co clima. Unha ía de que as contas do pasado ano sobre o medre das diversas autonomías estiveron abondo mal feitas. En concreto, sobreestimado en 14 das 17 autonomías (o que leva a unha sobreestimación do para o conxunto de España). Entre elas, cun 2,2 % de exceso, Galicia.
A outra, fronte á petición dunha elecricidade máis barata das empresas electrointensivas, que hoxe 21/12 teremos a electricidade máis barata de Europa. Atención. Hoxe, e as empresas, non nós.
Que Galicia medre menos do dito implica que houbo un trunfalismo para poñerse medallas e contabilizar, por exemplo, nas eleccións. Non debe ser doado levar unha contabilidade exacta a esa escala, mais a deriva cara arriba de 14 das dezasete comunidades autónomas de España debera facer pensar nun erro sistemático, non accidental, e polo tanto, posible de corrixir se se quixera. Ademáis, contabilidades así tenden a desconectar a economía do entorno, facendo que os indicadores perdan o sentido, ocultando, conexións e relacións, como entre a produción e o impacto ambiental. Onte mesmo, nunha charla en Ribadeo, Iván Lombardero deixaba claro que na actualidade parece haber unha correlación moi axustada entre variación do PIB e emisións de CO2. Un PIB calculado con datos semellantes ós que agora se corrixen pero que hai tempo que se sabe que non ten tanta relación co benestar persoal, e un CO2 causante -non único- do efecto invernadoiro extra que está a poñer os pelos de punta co aumento da temperatura superficial do planeta.
Por outra beira, que en España un día sexa a electricidade máis barata que no resto de Europa, como anunciou onte a ministra do ramo -en twitter- para rebatir as pretensións das industrias electrointensivas -léase Alcoa como exponente principal en Galicia- é algo que para comentalo cun mínimo de profundidade tería que dispoñer dun espazo moi superior ó que vou a empregar, polo que van ir só algunhas pinceladas. Comecei o artigo dicindo que hoxe entraba o Fabien, é dicir, que os aeroxeradores teñen “materia prima” abondo (mesmo terán que parar algúns para que non queden destrozados por exceso de vento), e, despois das chuvias desta tempada, as centrais hidroeléctricas, tamén. Esta mesma semana anunciouse que por primeira vez dende que hai rexistro, España non tivo que recurrir ó carbón durante un día para producir electricidade, obviando que en algunha illa non se conseguiu polo sistema de xeración que hai alí. É dicir, enerxía prima gratuíta grazas a unhas renovables denostadas longo tempo por caras, ineficientes, difícis de usar de xeito continuado, etc. O caso é que o anuncio é para hoxe, esquecendo que de media non é así. E a media é o que importa… Pero é que ademáis, esa factura baixa ‘non ten que ver’ connosco, consumidores de a pé, cunha tarifa que non vai ser hoxe a menor de Europa, e uns custes de enganche que tampouco o son. Mentres, o debate sobre o consumo enerxético / produción de enerxía estase a facer dun xeito monetario, totalmente illado dos presuntos acordos de redución de consumo enerxético -e polo tanto de produción- a pesar da súa validez cacarexada para propaganda. E Alcoa, a compañía, esquece de xeito convinte de que toda actividade emprendedora ten os seus riscos, e carga estes sobre os traballadores e a sociedade, empregando ós mesmos traballadores como punta de lanza dos intereses empresariais a curto prazo e non dos intereses da sociedade a longo prazo. Por suposto que existe un problema se Alcoa se marcha -algo que a non moi longa prazo, como teño razoado noutras entradas, é previsible que faga- e por suposto que afecta a toda a zona e á economía galega. Mais a solución dentro dun sistema viciado como o actual tenderá a estar viciada de saída e a ser curtopracista, con intereses sesgados e curta de miras. Así, entre outras moitas preguntas que se poderían facer:
– Hai algunha previsión de alternativas?
– Hai algunha visión de enxuague social conxunto dunha entrada de ingresos como a que representa Alcoa? Non me estou referindo a subvencións ou ós cartos do paro, senón algo máis profundo, estrutural.
– Algunha consideración do problema de funcionamento dunha fábrica así no seu conxunto e non só no binomio enerxía-cartos? (co que se pon xa de comezo a vida das persoas en función dos cartos, e non ó revés)
Vivimos nun mundo interrelacionado, e non podemos obviar que novas que aparecen como algo máis, ben lonxe de nós, en termos ‘macro’ nos afectan de xeito directo. Temos que miralas cun certo detemento, pois outra cousa será só deixarnos enganar.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive