25 de Xaneiro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

«Coidando o noso mar» no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo

14-01-20

 Ribadeo, 14 de xaneiro, 2020. Ata o 3 de febreiro o centro acollerá unha exposición que ten como obxectivo a divulgación dos problemas medioambientais presentes na nosa sociedade. Esta nova exposición titúlase “Coidando o noso mar” e está organizada polo departamento de Filosofía en colaboración co de Bioloxía, dentro das actividades programadas para o curso 2019-2020 en torno a Crise Climática do mundo actual, e sobre a que xa realizamos dúas actividades durante o primeiro trimestre: a charla do xeólogo ambiental Iván Rodríguez Lombardero sobre o cambio climático, e a exposición (do CEIDA) sobre as “Reservas da Biosfera”.
Sumamos agora unha visión en 5 paneis divulgativos sobre os nosos ecosistemas costeiros e a ameaza existente sobre a súa biodiversidade. A fraxilidade nas costas mariñas ven acentuada pola presión das actividades humanas e está causando a súa destrución. A franxa litoral está en perigo debido á ausencia de planificación e a unha mala xestión nas actuacións levadas a cabo nela durante as derradeiras décadas. O desenvolvemento turístico mal planificado, a erosión costeira, a presión urbanística, a contaminación mariña, a sobreexplotación pesqueira, a destrución de hábitats,… son algúns dos males que afectan ao litoral tanto a nivel galego como mundial. De igual xeito, hoxe seguimos a pensar que o mar é unha fonte inesgotable de recursos, e que o mar é inmune ás nosas actividades e agresións. Os avances científicos e o estudo dos ecosistemas mariños, proban que estas perigosas percepcións son falsas, que os recursos mariños están en algúns casos máis ao borde do colapso do que se crera, e que a presión antrópica é a causa fundamental deste feito.
Durante o presente curso o departamento de Filosofía, en colaboración co de Bioloxía, traballa na sensibilización sobre os valores naturais e a necesidade de conservalos para conservar tamén así o noso futuro, garantir a supervivencia dos seres vivos e contribuír ao obrigado coidado que debemos a todo o que representa a Natureza e a necesidade de preservala fronte á Basureza, consecuencia directa dos nosos malos hábitos cotiás. Favorecer unha contorna limpa e saudable está ao alcance de todos e na medida de cada individuo. Axudemos pois a recuperar un mundo máis conservador do natural e máis preocupado polos valores ambientais que, en definitiva, son valores intrínsecos á sociedade que nos toca vivir. A exposición permanecerá aberta para toda a cidadanía en horario escolar de mañá e tarde ata o luns 3 de febreiro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive