22 de Febreiro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O alcalde focense, Fran Cajoto, é o novo presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña

12-02-20

 A Mariña, 12 de febreiro de 2020. O alcalde focense, Fran Cajoto, é o novo presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, tras ser elixido no pleno celebrado na tarde de onte en Burela. Cajoto afronta con ilusión esta nova responsabilidade, destaca o traballo realizado polo seu predecesor, Alfredo Llano, e asegura que entre os obxectivos que se marca están consolidar A Mariña como xeodestino turístico así como promocionar a súa gastronomía e o seu produto local, entre outras potencialidades.
O novo presidente dixo que afronta “con moita ilusión” esta etapa: “é un orgullo que os meus compañeiros alcaldes e concelleiros socialistas pensasen en min para a presidencia da Mancomunidade”.
Cajoto quixo poñer en valor “o gran labor que fixo Alfredo Llano estes anos ao fronte de toda A Mariña, sempre traballando para promocionar o turismo e tamén para as compras conxuntas e servizos comúns, que sempre abaratan o custo”.
Entre os obxectivos que se marca Fran Cajoto na Mancomunidade: “eu pretendo, en coordinación con todas as alcaldías, apostar por eses proxectos xa iniciados e intentar darlle un pulo máis para converter A Mariña nese xeodestino turístico que todos esperamos, que nos permita non só atraer a máis visitantes senón mellorar a calidade do turismo que chega á nosa comarca. E sempre en coordinación cos alcaldes e alcaldesas gustaríame explorar a posibilidade de aumentar os contratos ou servizos conxuntos para optimizar a xestión e abaratar os seus custos. A Mariña é unha cidade lineal de 72.000 habitantes, na que temos que pensar sempre como un conxunto”.
O presidente da entidade engadiu que “a Mancomunidade conta con moi bos técnicos e en coordinación con eles veremos as posibilidades para apostar forte por aqueles atractivos que nos definen máis: a gastronomía e o produto local, para poñelo en valor. A min tocoume traballar fóra e a verdade é que A Mariña aínda se pode coñecer moito máis no resto de España. É unha pena porque o potencial que temos aquí é enorme. Temos costa, temos interior e moito que o ofrecer; o que temos que facer é intentar promocionalo para que todo o mundo nos coñeza”.
Balance de Alfredo Llano
Pola súa banda o presidente saínte, Alfredo Llano, dixo que “despois desta experiencia de estar aquí na Mancomunidade, penso que debemos insistir en que esta institución sexa moito máis grande. Agora mesmo non ten capacidade económica e tampouco ten capacidade de xestión. Creo que sería moi necesario que as Mancomunidades, tanto a da Mariña como calquera outra, tivesen un protagonismo supramunicipal que realmente penso que é necesario e cara ao futuro vai ser moi necesario. Queremos que tamén se notara en cuestión como as infraestruturas e os servizos. Estamos loitando e penso que o imos seguir facendo con respecto por exemplo aos autobuses. Penso que houbo un cambio radical do que había cando chegamos ao que hai agora. Andamos agora co tema do tren, que é algo que a min persoalmente me preocupa porque creo que hai que defender ese servizo público como algo moi necesario e moi importante, e no que hai que seguir insistindo”.
Para Llano “temos que buscar tamén fórmulas para atraer xente a investir á Mariña, polo tanto temos que traballar ben coordinados coas Acias, coa FCAM, e con todo o mundo que poida aportar algo para lograr isto. Penso que hai que darlle máis cobertura á Mancomunidade e creo que sería unha boa administración supramunicipal para coordinar moitas cousas. Hai algo que estamos a facer, que estivemos falando, que a min me parece fundamental, que é a recollida de residuos orgánicos. Agora vai ser unha obriga en todos os Concellos, recoller por separado os residuos orgánicos do resto. Pensábamos que sería unha boa idea que os 16 Concellos que conformamos A Mariña tivesen un servizo común para a recollida destes residuos, e incluso que puidesen ser tratados eses residuos na nosa comarca. Hai moito que facer”.
Alfredo Llano fixo balance dos 4 anos que pasou á fronte da Mancomunidade: “gañamos dous concursos relacionados coa violencia de xénero, foron moi aplaudidos e compartidos cos institutos. Creo que estivo moi ben, non é fácil gañar un primeiro e un segundo premio. Tamén fomos finalistas cunha ruta de artesanía, non logramos o premio pero si o recoñecemento, e ampliamos agora estas rutas. Agrandamos as posibilidades turísticas nos Concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro con audioguías que non había e agora vese que funcionan. Son un atractivo e unha motivación para que a xente vaia a visitalos. Penso que nestes catro anos fixemos o que puidemos dentro das nosas posibilidades, pero dalgún xeito creo que se notou, que hai un interese grande en traballar pola Mancomunidade e traballar pola comarca. Desde logo temos que estar atentos a calquera cousa, como estamos agora atentos a Alcoa, onte houbo unha moción sobre ese tema. Temos que ter coidado e prestarlle atención ao comercio local, á pesca, penso que si estamos atentos e sabemos aportar solucións sería bo para todos”. O presidente saínte tamén se referiu ao traballo realizado en Fitur e á Mariña como xeodestino.
E engadiu: “para min foi unha experiencia moi boa. Aprendín moitísimo, foi unha honra poder representar aos 16 Concellos no momento que tiven oportunidade, e imos continuar traballando desde a Mancomunidade. Agora está Fran Cajoto ao fronte e imos estar aí con el, hai que traballar todos os alcaldes co mesmo obxectivo que non é outro que potenciar A Mariña en todas as súas posibilidades que son moitas. Diso temos que ser conscientes e desde logo traballar para conseguilo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive