10 de Xullo de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG pide á Xunta Electoral que adopte as medidas necesarias para que o voto por correo se faga con garantías democráticas e sanitarias

21-05-20

Santiago de Compostela, 21 de Maio 2020. O BNG remitiu un escrito á Xunta Electoral de Galiza para reclamar a adopción das medidas necesarias para que o voto por correo poder efectuarse con todas as garantías democráticas e sanitarias, tendo en conta un previsible aumento desta modalidade de sufraxio de cara á cita electoral do 12 de xullo.

En relación ás garantía democráticas, o Bloque fai fincapé no feito de que, -debido ao protocolo de seguridade por mor da pandemia-, o servizo de correos suprimiu a obrigatoriedade da sinatura á hora de recoller ou entregar un paquete ou unha documentación nunha oficina postal, co obxectivo de minimizar o contacto e o risco de contaxio por coronavirus.

Este protocolo de seguridade, sen embargo, “é incompatible co voto por correo con todas as garantías democráticas xa que, ao estar inhabilitado o sistema de sinatura, prodúcese unha inseguridade xurídica pois as solicitudes de voto, as documentacións e a entrega do voto realízase sen ningún tipo de sinatura por parte dos electores o que pode xerar graves problemas en canto ao desenvolvemento do proceso electoral”, explica o BNG no escrito remitido á Xunta Electoral.

No relativo ás garatías sanitarias, a formación que lidera Ana Pontón chama a atención tanto sobre a seguridade das persoas que queren exercer o seu dereito ao voto como a dos traballadoras e traballadores de correos, máxime cando todo apunta a un incremento do número de electores e electoras que optarán por este modalidade.

“O previsíbel incremento do voto por correo pode provocar o colapso das oficinas, pois nos anteriores e recentes procesos electorais xa se deron importantes problemas debido ao aumento das solicitudes, provocando atascos que fixeron necesario ampliar os prazos”, indica o Bloque no escrito, ao que hai que engadir “que moitas oficinas non están adaptadas a nova situación”.

Con esta argumentación, o BNG solicita á Xunta Electoral as medidas necesarias para un proceso electoral con todas as garantías democráticas no sufrazio postal, cunha identificación e conformidade da persoa electora e no que tamén se garanta a saúde de electorxs e traballadorxs. Igualmente, solicita que se adopten as medidas necesarias a fin de evitar o colapso nas oficinas, factor que tamen afecta á seguridade sanitaria.

“O obxectivo desta reclamación é moi claro: conseguir que o voto por correo teña as máximas garantías democráticas e sanitarias”, explica a coordinadora da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín. “Por mor da pandemia prescindiuse da sinatura á hora de recoller ou entregar calquera tipo de documentación no servizo de correos, pero nun proceso electoral é necesario garantir a identidade da persoa que vota para que se faga respectando o principio básico de unha electora, un voto”, alega.

En relación a preservar a saúde en todo o proceso,- indica Sanmartín-, “hai que adoptar as medidas que permitan votar por correo con garantías sanitarias, tanto para quen deposita a papeleta como para os traballadores e traballadoras que recollen os sobres. Neste sentido, pedimos que se actúe con antelación para evitar calquera colapso nas oficinas de correos”, conclúe.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive