11 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Son Viveiro pide que a corporación rexeite as comisións que aplica ABANCA e ao Concello que traballe con outras entidades no caso de que non as devolva

31-07-20

 Viveiro, 31 de xullo, 2020. Durante os últimos meses, moitos dos nosos veciños e veciñas víronse prexudicados polo cobro dunha serie de elevadas comisións por parte da entidade financeira ABANCA. A cobranza das mesmas produciuse nun momento extremadamente delicado, pois en plena pandemia moitas familias de clase traballadora viron como os seus ingresos diminuían polo cese case total da actividade comercial no noso pobo, e a súa situación agravouse polo cobro de ditas comisións.

O debate aquí non xira en torno á legalidade ou ilegalidade desta práctica, dado que todas e todos sabemos que as grandes corporacións teñen o poder suficiente para facer do roubo un acto completamente lícito; xira en torno ao carácter ético desta práctica que, dende o noso punto de vista, vai moito máis alá do dubidoso. A isto hai que sumarlle o feito de que ABANCA foi resultado da venda a prezo de saldo do agrupamento de varias caixas de aforro galegas rescatadas con diñeiro público e que, a día de hoxe, pregoa grandes beneficios; entre eles, atópanse os xerados polos xuros derivados da débeda con ela contraída por parte do noso Concello. Se algo evidenciou o transcorrer dos anos é, como se di ao comezo do presente artigo, que a legalidade non é guía da moralidade, polo que que impoñerlle comisións a persoas en situación de vulnerabilidade -como poden ser as que contan con traballos precarios, as desempregadas ou xubiladas con pensións miserables en plena crise sanitaria- é, e seguirá sendo, unha práctica carente de escrúpulos e completamente reprochable.

Por todo isto, Son Viveiro-Son en Común quere mostrar o seu firme apoio na reclamación da devolución dos seus aforros á veciñanza afectada, polo que levará ao vindeiro pleno, que se celebrará o martes 4 de agosto ás 20:30 horas, unha moción que proporá trasladarlle a ABANCA o rexeitamento do cobro destas comisións por parte de todos os grupos e instará ao Concello de Viveiro a que, no caso de que dita entidade financeira non devolva o importe das mesmas, contacte con entidades bancarias de banca ética e caixa de aforros galega coa finalidade de facer destas as corporacións financeiras e bancarias preferentes do noso Concello.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive