Mondoñedo, 16 de setembro, 2020. O sábado 19 é A noite romántica, da asociación “Los Pueblos más bonitos de España” https://www.lospueblosmasbonitosdeespana.org, unha iniciativa que pretende seducir a potenciais visitantes para que coñezan e gocen os pobos con encanto que integran esta rede, conformada por 94 pequenas vilas e cidades con patrimonio cultural e natural destacable, como é o caso de Mondoñedo.
Este ano, o evento que normalmente tiña lugar en xuño, celébrase en setembro e terá un carácter máis íntimo.
“O obxectivo é que parellas de namorados escollan os nosos pobos para pasar unha fin de semana romántica, pernoitando nos nosos aloxamentos, probando as nosas tapas, gozando dos nosos restaurantes e levando a casa produtos locais”.
Neste contexto haberá menús románticos en dous restaurantes de Mondoñedo: Restaurante Montero e Vinoteca O Petisco; aperitivos e tapas especiais nalgúns dos nosos bares (O Porriño – O Rincón de Mondoñedo); produtos pasteleiros: “as rosquillas do amor” con receita do chef Juan Pozuelo (Val de Brea); e aloxamentos con obsequios e tarifas especiais (Montero, Camino de Estrellas). Outros alicientes para gozar en Mondoñedo desa tarde / noite, serán a obra de teatro a cargo de Hilo Producciones que presentará ás 20:00 horas na Praza da Catedral a obra “Tal vez soñar”, e ás 22:00 horas no contexto do ciclo “Sons da Paula”, a Praza do Concello acollerá o concerto de Dani & Silvia que presentan “A Paula canta a México”.
