NOTA DE PRENSA
A CRISE ECONÓMICA
REUNIÓN EXECUTIVAS COMARCAIS CIG E BNG (A MARIÑA)
BURELA 04 NOVEMBRO 2008
A crise económica mundial que estamos a sufrir ten a súa orixe na crise financeira que nos Estados Unidos estoupou froito do incremento dos xuros e o conseguinte número de créditos hipotecarios impagados, fundamentalmente entre as hipotecas subprime (ou de alto risco). Esta crese que ten repercusións a nivel mundial, no caso do estado español veuse acentuada polo estoupido da burbulla inmobiliaria e está a arrastrar consigo a toda a economía real ou produtiva, e provocando unha recesión e un aumento inmediato do paro.
Tanto para o BNG como para a CIG a causa fundamental está no propio sistema económico, o capitalismo neoliberal, que periodicamente provoca este tipo de convulsións na economía, e asúmeas como algo inevitable. Un sistema que se basea na economía especulativa e non na produtiva, no que se pretende a desregulación absoluta do mercado e a desaparición dos estados como axentes moduladores do sistema económico. Un sistema económico que foi posto en practica indistintamente polos gobernos españois do PP e do PSOE
ACTUACIÓN DOS ESTADOS
Os estados, tan denostados por aqueles que defenderon o neoliberalismo, son agora os que teñen que saír en auxilio do sistema financeiro. Agora apláudense inxeccións de capital público nas entidades financeiras, mesmo a súa nacionalización e incluso dende a patronal pídese unha “paréntese no mercado libre”.
Pero as medidas postas en marcha polos estados non son máis que a “solución do neoliberalismo en caso de emerxencia”, e o que pretenden e restablecer a situación inicial para que todo siga igual.
Aportar millóns e millóns de euros sen garantías, sen unha nova regulación, sen control e, o que é máis grave, sen transparencia, parécenos unha maneira de premiar aos que máis especularon e todo a conta dos cartos dos contribuíntes, que doutra volta convértenos en vítimas e paganos da crise.
SITUACIÓN NA COMARCA DE A MARIÑA
A gravidade da situación estase a facer patente na nosa comarca. Se ben os efectos desta crese, como en anteriores ocasións, chegan cun certo retraso, o certo e que os síntomas estanse a palpar xa dende o verán. Primeiro víronse afectados sectores como o da hostalería e a construción. Pero pouco a pouco vaise estendendo a todos os demais: aserradeiros, talleres, transporte, téxtil, autónomos, etc.
Nun primeiro momento as empresas reducen os seus ritmos de produción, non renovan os contratos dos eventuais, pero finalmente, e esa é a fase na que entraremos agora, teñen que tomar medidas máis drásticas: expedientes de regulación, despidos, peches de negocios, concursos voluntarios de acredores, etc.
ALTERNATIVAS:
Dende as nosas organizacións compartimos o criterio de que debemos aproveitar este momento no que quedou desenmascarada a “bonanza” do capitalismo neoliberal, para mudar de sistema socioeconómico. Apostar por un modelo que se basee na economía produtiva e non na especulativa, que non cree burbullas (tecnolóxicas, financeiras, inmobiliarias, prezos do petróleo e das materias primas), que sexa xusto e solidario e que non privatice os beneficios e socialice as débedas.
Como organizacións nacionalistas compartimos a necesidade de afondar no autogoberno, de ter a soberanía que nos permita facer fronte ás políticas neoliberais que saen dos parlamentos europeo e español, levando a cabo as políticas económicas, sociais, laborais e culturais en función das clases populares galegas e do seu benestar social e económico.
Entre as medidas que propoñemos para encamiñar a economía nesa dirección están as seguintes:.
* FISCAIS:
o Sistema fiscal progresivo (eliminación dos impostos indirectos sobre os produtos básicos)
o Incremento dos impostos directos sobre o capital financeiro e o patrimonio
o Eliminación dos paraísos fiscais.
o Persecución da fraude fiscal.
* SOCIAIS
o Reforzar a rede publica de servizos sociais.
o Garantía dun servizo público de protección social.
o Implantación do salario de inserción laboral.
o Fomento das vivendas de protección oficial.
* NEGOCIACION COLECTIVA
o Mellora do poder adquisitivo dos salarios.
o Cláusulas de estabilidade na contratación.
o Desenvolvemento de toda a negociación colectiva en Galiza.
* EMPREGO
o Respecto do principio de causalidade na contratación
o Supresión das subvencións á contratación excepto en colectivos con dificultades de integración no mercado laboral
o Melloras no sistema galego de colocación e no de formación profesional.
* ECONÓMICAS E INDUSTRIAIS
o Políticas de apoio ao sector produtivo galego (agro, pesca, naval, téxtil,conserveiro,rochas ornamentais, enerxético), así como novos sectores:cultural,medioambiental,tecnoloxías da información…
o Promover unha nova lei de caixas de aforro de Galiza. Establecer vínculos máis estreitos entre o sistema produtivo e o sistema financeiro.
o Melloras das infraestruturas portuarias e rede interna de estradas e camiños de ferro.
o Investimentos en I+D e innovación tecnolóxica.
o Garantía duns prezos mínimos xustos para os produtos gandeiros e pesqueiros.Medidas eficaces de control dos intermediarios, así como fortes sancións sobre as marxes comerciais abusivas.
o Elaboración de programas integrais de desenvolvemento das diferentes comarcas.
o Nacionalización dos sectores financeiro e enerxético.
É o momento de facer chegar á sociedade que esta crise ten uns culpables, que os estados están a utilizar os nosos cartos para reconstruír o mesmo sistema financeiro especulativo que a provocou. É o momento de introducir cambios no sistema económico e para iso a sociedade debe actuar. Non podemos quedar de brazos cruzados, debemos reaccionar. So mediante a mobilización dos cidadáns cambiaremos o sistema económico. O primeiro paso será participar na manifestación convocada a tal fin pola CIG o dia 13 de novembro en Viveiro ás 19:30h.