BURELA (FNC) .- A concelleira de Mar, Remedios López Villar, inaugurou onte a exposición O patrimonio marítimo de Galicia que estará exposta durante o mes de febreiro na Casa da Cultura en horario de mañá e tarde. López Villar sinala que “nela poderemos ver as actividades, oficios e modos de vida vencellados ao mar. Para pescar, transportar e logo conservar, foi preciso construír barcos e despois portos para protexelos, así como edificios axeitados para transformar o peixe. Ao cabo dos séculos as cousas, utensilios, barcos, imaxes, técnicas, toponimias, fala… compoñen un verdadeiro tesouro con múltiples alfaias, case todas ameazadas ao día de hoxe”.
Remedios López Villar lembra que remata estes días a exposición Operación Monarca que puido verse en Burela ao longo das últimas semanas.