LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, presentaron estes luns as novas liñas de actuación para os vindeiros dous anos de goberno e fixeron balance da primeira metade do mandato. Gómez Besteiro presentou “unha cascada de 12 proxectos económicos do equipo de goberno, planificados estratexicamente, sen facer ruído, e cun denominador común: volver a ser útiles e eficaces para a provincia co fin de facela competitiva”. O Vicepresidente Primeiro subliñou que “fomos máis aló do programa de goberno inicial, resolvendo problemas enquistados desde hai décadas, como o da UNED en Lugo. Este goberno bipartito é un modelo que se pode extrapolar a outras administracións”.
Ámbolos dous responsables afirmaron que “nin podiamos fallar, nin nos conformamos”. Nestes momentos, “está cumprido o 99% do programa de goberno asinado polo PSOE e o BNG”, afirmou Antón Bao, “converténdonos na 1ª Deputación galega cun Plan Económico-Financeiro ata o 2011 que asegura a estabilidade nun momento de crise e despois de ter saneadas as nosas contas e conscientes da perda de ingresos que se producirá o vindeiro ano”, destacou Besteiro.
Da ducia de proxectos económicos destaca o Plan Deputación, un macro-programa dotado inicialmente con 20 millóns de euros, e sufragado ó 100% pola Deputación. Creará emprego a través de obra pública e “duplicará a inversión ordinaria do organismo provincial prevista para os 2 próximos anos, respectando o Plan Económico-financeiro da Deputación e tendo en conta que a pesar de ter menos ingresos do Estado, imos aumentar o investimento”, indicou o Presidente, quen avanzou que o Plan será presentado á volta do verán.
Novos proxectos
Gómez Besteiro informou da consecución de 2 novos programas estatais: Un centro do coñecemento para o benestar social, cun orzamento de 1.640.856 euros, e un Plan Avanza para modernizar os Concellos da provincia cun presuposto de 747.500 euros. O dous novos proxectos engádense ós programas europeos conseguidos polo goberno da Deputación na 1ª metade do mandato e que superan os 20 millóns de euros. “Nos dous próximos anos veranse os resultados dos programas europeos que se están a executar: Lug02 –para conseguir “emprego verde” e o “ecoturismo”-, Innóvate –que revolucionará tecnoloxicamente a provincia- e o Pacto Integral polo Emprego –para crear emprego estable-“.
A apertura da Axencia Provincial da Enerxía no INLUDES este mesmo ano; sumado á ampliación do programa de apoio ós autónomos, pioneiro en España; ó inicio o vindeiro ano das obras do centro de recría de gando na Granxa Gayoso-Castro que triplicará os 14 centros existentes en Galicia porque, en palabras de Besteiro, “o leite é o ladrillo de Lugo”; ó remate da ampliación da Rede de Museos provinciais, xunto á execución do primeiro Plan Director de Turismo da provincia de Lugo “deseñado en coordinación con todos os sectores implicados”, como destacou o Vicepresidente Primeiro; á posta en valor dos Camiños de Santiago ó seu paso pola provincia co programa Km0 a Compostela, que se presentará a vindeira semana anticipándose ó Ano Santo; á presentación no mes de setembro dun proxecto de viabilidade para o Pazo de Tor e dun plan de saneamento das concesións administrativas dependentes da Deputación para afrontar asuntos como as áreas recreativas ou o Hotel Miño; á presentación en dous meses dos resultados definitivos do primeiro Plan Estratéxico, “pasando dunha provincia deslabazada a un Lugo estratéxico”, en palabras do Presidente, etc. son algún dos programas que estarán concluídos na segunda metade do mandato.
Praia fluvial e certificación da Mariña
O Presidente anunciou tamén a creación “dunha praia fluvial no Miño en colaboración co Concello de Lugo, respaldando á capital da provincia como fixemos coa UNED e o Plan Urban. É unha aposta que ofrecerá unha visión distinta do río, está respaldada polas dúas forzas políticas deste goberno e vinculada ó noso programa mediaombiental Lug02”.
Gómez Besteiro adiantou, ademais, que “o vindeiro verán estarán certificadas medioambientalmente as primeiras praias da Mariña Lucense, que serán un novo referente no ecoturismo de Galicia; o que significa un nivel de esixencia moi superior ó da Bandeira Azul”.
Cultura e Deporte
En canto ós investimos en Cultura e Deporte, o Vicepresidente Primeiro sinalou que “a Deputación pasou de 0 a 100 en material cultural en apenas dous anos, superando os 8 millóns de euros”. Deste xeito, explicou que en deportes duplicouse o orzamento, “pasamos a ser a Deputación galega que máis fondos destina á actividade deportiva cun investimento próximo ós 15 millóns de euros”. Asimesmo, engadiu que en servizos sociais “pasouse de servizos inexistentes a desenvolver unha estreita colaboración coa Xunta de Galicia neste eido”.
Antón Bao afirmou tamén que “coa chegada do novo goberno a lingua deixou de ser un problema nesta institución. Os que usamos o galego podemos utilizalo con normalidade, non se nos persegue politicamente e non se traducen as nosas intervencións á hora de plasmalas nas actas dos órganos de goberno”.
Pendentes da Xunta
O Presidente e o Vicepresidente Primeiro indicaron que “neste ciclo económico as saídas á crise non poden limitarse á austeridade mal entidada e ó recorte de servizos públicos. Isto ten un nome: pasarlle a factura ós veciños”. Gómez Besteiro subraiou que “a Deputación ten feitos os deberes nas débedas históricas da provincia como son a transferencia dos hospitais ó SERGAS ou a creación da rede provincial de bombeiros. Falta que a Xunta culmine a súa parte do traballo. Entendemos que todos necesitan un tempo ó chegar a unha administración, pero pasado un periodo razonable, seremos inflexibles nos intereses da provincia”.
A este respecto, Antón Bao sinalou que “esperamos que a Xunta de Galicia cumpra como nós o fixemos ó non romper os compromisos anteriores”. Puxo como exemplo as políticas agrarias, xa que “existían proxectos do anterior goberno galego que agora foron freados, e que hoxe fixeron que neste día os tractores estén na rúa”.
Resumo do acordo de goberno
O responsable provincial explicou a situación na que se atopan cada un dos puntos do acordo. Neste senso, Antón Bao subraiou que “pasamos dunha Deputación que primaba o cemento a outra que prioriza o servizo público”.
Dentro do apartado de impulsar a reformulación da Sociedade Urbanística Provincial, Gómez Besteiro sinalou que “chegamos onde a Xunta non podía. Creamos solo industrial en 28 concellos; cinco millóns catrocentos sesenta e sete metros cadrados de superficie, como 540 campos de fútbol”. Asimesmo, explicou que por primeira vez, o Presidente da Deputación compareceu todos anos no Parlamento. Por outra banda, indicou que, dentro do compromiso de coordinar políticas coa Xunta de Galicia, “a Deputación fixo os deberes no proceso de transferencia dos hospitais de San José e San Rafael ó SERGAS e na posta en marcha dos Parques Comarcais de Bombeiros.
Enmarcado dentro do acordo, o titular provincial tamén destacou que “a cooperación é a nosa columna vertebral. Os nosos programas de cooperación aforran hoxe ós concellos 70 millóns ó ano”. A elaboración do novo Regulamento Orgánico da institución, unha política de persoal totalmente baseada na trasparencia e o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística foron outros dos asuntos que contempla o acordo e que xa están cumpridos.


























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



