LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Presidenta da Sociedade Española de Cardiología (SEC), María Jesús Salvador, e o Presidente da Sociedade Galega de Cardioloxía, Ramiro Trillo, inauguraron este luns o primeiro paseo cardiosaudable de España: Ponte a Andar!. A iniciativa xurde da visita que realizaron no mes de xullo prestixiosos cardiólogos da FEC (Fundación Española do Corazón) e da SEC a Castroverde, co motivo da presentación do programa impulsado pola institución provincial, Km0 a Compostela.
Neste senso, María Jesús Salvador agradeceulle a Deputación “o seu interese desde o primeiro momento; xa no noso encontro o pasado mes de xullo, por unha iniciativa a favor da saúde de todos, e que hoxe empeza en Lugo pero que se estenderá por toda España”.
Pola súa banda, Ramiro Trillo subliñou que “as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte, de aí a importancia de aplicar os hábitos saudables que todos coñecemos pero que non levamos á práctica. Iniciativas como esta ou como Km0 a Compostela son as que nos axudan”.
Gómez Besteiro destacou que “hai dous meses iniciamos unha serie de colaboracións co obxectivo de fomentar hábitos cardiosaudables na provincia. Primeiro foi con Km0 a Compostela converténdonos, ademais, na primeira administración cunha programación estable previa ó Xacobeo e hoxe inauguramos este Paseo. Combinamos ecoturismo, medio ambiente, gastronomía, cultura, tradición e economía, ó tempo que axudamos a concienciar ós cidadáns a importancia de levar unha vida saudable”.
Da mesma maneira, o Presidente da Deputación salientou que Lugo ten máis de 30 quilómetros de paseo arredor do río Rato “converténdose no pulmón e agora no corazón dos veciños da provincia. E diso nos temos que aproveitar os lucenses, da natureza da que gozamos para tamén levar unha vida sana”.
Incidencia destas enfermidades
Froito da colaboración entre o organismo provincial, a SEC e a FEC, os especialistas elexiron Lugo para adiantar en primicia os resultados dun estudo nacional realizado en 2009 sobre a incidencia das enfermidades cardiovasculares de España. O informe, que será revelado próximamente, pon de relevo que Lugo supera a media da taxa bruta de mortandade –indicador demográfico que sinala o número de defuncións dunha poboación por cada mil habitantes durante un ano- cun 516,9%.
A Presidenta da SEC explicou pormenorizadamente a situación na que se atopa a provincia segundo o tipo de enfermidades cardiovasculares. No caso de patoloxías cardiacas reumáticas, o índice de mortandade de Lugo sitúase nun 1,15% fronte ó 3,04% de España. En enfermidades hipertensivas a porcentaxe provincial é do 36,84% fronte ó 16,68% nacional; en cardiopatía-isquemia o índice lucense é do 141,01% fronte ó 82,95% estatal; en cerebrovasculares a porcentaxe de habitantes que morre en Lugo a causa desta enfermidade é do 142,45% fronte ó 73,62% español; en insuficiencia cardiaca o índice de mortandade lucense é do 94,97% fronte ó 44,78 de España; e en arritmias e outras enfermidades a porcentaxe provincial é do 100,44% fronte ó 55,55% nacional.
Taxa estandarizada
María Jesús Salvador deu a coñecer tamén os datos do estudo segundo a taxa estandarizada de mortandade, que en Lugo se sitúa nun 246,8%. Este indicador establece a porcentaxe de habitantes que faleceron en 2007 –ano sobre o que se realiza o estudo- a causa de enfermidades con afecións cardiacas. No caso das reumáticas, Lugo é a provincia, despois da Coruña, na que máis personas morreron a causa desta patoloxía. No caso de enfermidades hipertensivas só Huelva e Castellón superan a Lugo; en cardiopatía-isquemia a provincia lucense só é superada polas Palmas e Castellón; en insuficiencia cardiaca por Sevilla e Baleares; en patoloxías cerebrovasculares por Sevilla e Ourense; e en arritmias e outras enfermidades por Málaga e Xaén.
Inauguración do Paseo
Preto dun cento de persoas acompañaron a Gómez Besteiro e ós presidentes da Sociedade Española e Galega de Cardioloxía no percorrido do Paseo, que partiu do Centro de Interpretación Terras do Miño e rematou no Centro de Cestería do río Rato, onde os caminantes puideron degustar unha ampla variedade de produtos autóctonos cardiosaudables.
O Paseo está formado por 10 mensaxes ou regras que se deben seguir para diminuír o risco de padecer alguna enfermidade cardiovascular: “levar unha dieta saudable; camiñar trinta minutos ó día; nunca fumes. Se fumas, déixao xa!; mantén o teu peso ideal; vixía a túa cintura; coñece e controla a túa tensión arterial; vixía os teus niveis de colesterol e glicosa; aprende a controlar o teus estrés e a túa ansiedade; coñece o teu risco cardiovascular; e comparte as túas dúbidas con outra xente.
Tanto para a organización das 25 rutas de Km0 a Compostela como do 1º Paseo Cardiosaudable: Ponte a Andar, a Deputación contou coa colaboración da FEC e da SEC, organización sen ánimo de lucro, e que ten por finalidade a mellora da prevención, diagnose e tratamento das enfermidades cardiovasculares, achegando a mensaxe científica dunha vida cardiosaudable á sociedade.
A Deputación, a Sociedade Española de Cardioloxía e a Fundación Española do Corazón iniciaron en xullo unha serie de colaboración co obxectivo de divulgar a adopción de hábitos saúdables e fomentar o desenvolvemento da investigación cardiovascular. Naquel momento, a Presidenta da SEC xa amosara o seu interese e preocupación polos resultados do informe presentado hoxe sobre a incidencia das enfermedades cardiovasculares de España, onde Lugo supera a media da taxa bruta de mortandade.




















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



