Nota de prensa
A Deputación aproba o Plan Lugo Emprega que dará traballo a 712 parados da provincia
– Gómez Besteiro anuncia que este mércores remitirá por rexistro unha comunicación oficial a todos os Concellos para que se adhiran ó Plan, logo de facer pública a distribución de empregados por municipio
– O Pleno acorda por unanimidade dar de baixa a Guillermo Leal, quen abandona o Partido Popular e pasa a formar parte do grupo dos non adscritos con outro anterior Deputado do PP
– Entra en vigor o novo Regulamento da Deputación que permite unha maior democratización da institución, reforza o pacto anti-transfuguismo, e completa o cumprimento de todo o programa de goberno asinado por PSOE e BNG na toma de posesión
O Pleno da Deputación aprobou este martes, cos votos en contra do Partido Popular, o novo plan“Lugo Emprega” co que o organismo provincial reducirá o número de parados na provincia ó tempo que incrementa a cooperación cos Concellos. O perfil das 712 persoas que se contratarán durante seis meses serán, fundamentalmente, operarios municipais que prestarán o seu servizo en labores de mantemento, conservación e mellora dos servizos públicos de carácter local.
Despois da aprobación do Pleno, iníciase de inmediato o proceso de contratación, de tal xeito que este mércores remitirase por rexistro unha comunicación oficial a todos os Concellos para que se adhiran ó Plan. Estes terán un prazo de sete días para formalizar a súa contestación, que é absolutamente improrrogable. O Plan, dotado con 8 millóns de euros a cargo do Presuposto da Deputación, estará operativo a finais de xaneiro. A contratación dos traballadores establece as seguintes condicións: no caso dos municipios de máis de 5.000 habitantes e con máis de 500 persoas en paro, a Deputación asume o custe total da contratación, mentres que as entidades locais encargaranse da selección dos traballadores, formalización dos contratos e adxudicación de destino co material necesario correspondente.
Nos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de medio milleiro de desempregados, o organismo provincial non só financia a contratación, senón que realiza a selección dos traballadores porque os Concellos pequenos non dispoñen de todos os recursos para facelo.
Reparto segundo criterios obxectivos
Todas as entidades locais contarán cun mínimo de 4 efectivos, de tal xeito que o máximo de traballadores, un total de 73, asignaráselle ó Concello de Lugo, que representa un 10% do Plan. De acordo cos criterios obxectivos, tomando como referencia a porcentaxe que representa a poboación de cada un dos municipios en relación coa total da provincia, excluíndo ó da capital, a distribución será a seguinte: municipios de ata 1.000 habitantes: 4 traballadores; entre 1.001 e 3.000: sete; entre 3.001 e 5.000: 9; entre 5.001 e 7.500: 13 traballadores; e entre 7.501 e 10.000 habitantes: 20 traballadores. No caso das entidades locais que superen os 10.000 veciños asignaráselles un traballador máis por cada mil habitantes. É o caso de Sarria que queda con 24; Viveiro con 27; Monforte de Lemos con 30; Lugo con 73; e Vilalba con 26.
Neste senso, o Presidente en reposta ó presidente do Grupo provincial do PP, José Manuel Barreiro, subliñou que “ogallá que nos viñera un plan da Xunta semellante. A ver se somos capaces de chamarlle ó pan pan e ó viño viño. A proba do algodón terémola cando saibamos quenes se adhiren e quenes non. Lémbrolle que a Deputación non é a que ten as competencias directas en políticas activas de emprego. Élle o señor Feijóo”. A este respecto, o Presidente criticou que fronte ó goberno autonómico que só concedeu obradoiros de emprego nos Concellos do Partido Popular, o organismo provincial desenvolve un plan para todos os municipios da provincia. “Isto non é unha lotería como as Escolas Obradoiro que lle tocaron a Palas de Rei, Carballedo, Ourol, Láncara, Antas de Ulla, Valadouro, Friol… Aquí van todos. Dirá que é un reparto inmoral, pero elle ben xusto. Espero que nas vindeiras convocatorias do señor Feijóo se primen os nosos criterios. Que pensaba que iamos a facer as cousas como as fan vostedes? Esta é a mellor forma de traballar: con criterios obxectivos”.
A Deputación realiza este investimento millonario sen aumentar a débeda pública. Permitirá, ademais, a creación do obradoiro de documentación “Os Arquivos do Pazo”, no que traballarán 14 persoas que se suman ás 4 existentes do Arquivo. Estará a pleno rendemento a finais de febreiro e será responsable da catalogación e dixitalización da documentación deste departamento.
Outra baixa no Partido Popular
Asimesmo, acordouse por unanimidade dar de baixa no Partido Popular ó Deputado desta formación política Guillermo Leal Arias. Previamente, o responsable do PP, José Manuel Barreiro, remitiu un escrito no que solicita a súa dimisión porque este Deputado -quen actúa en representación do Partido Xudicial de Mondoñedo- tamén pasou ó grupo dos nos adscritos no Concello de Viveiro xunto a máis concelleiros populares. Neste senso, Barreiro comunicou que Guillermo Leal será substituído na Comisión Informativa de Persoal e Réxime Interior polo Deputado e Alcalde de Paradela, José Manuel Mato Díaz e, na de Infraestruturas, por Jesús Carreira Ferreiro, Alcalde de Guntín.
Esta nova baixa súmase á protagonizada polo abandono anterior do Deputado chantadino Manuel Varela. O Partido Popular concluirá a lexislatura con 9 dos 11 Deputados cos que comezou, se non volve rexistrar máis cambios.
Máis rigor e transparencia
O Pleno da Deputación tamén aprobou por unanimidade o novo regulamento da institución, que substituirá ó actual que data de 1985. O novo documento, que obtivo o consenso de todos os grupos políticos, permite dar un paso máis na democratización desta institución, dotándoa dunha maior transparencia e rigor. O actual equipo de goberno xa deu o primeiro paso neste eido permitindo a participación da Oposición nas mesas de contratación, nos órganos de control e fiscalización, e coa creación dos locais e equipamentos para os grupos políticos –unha reivindicación histórica non antes acadada-. Coa aprobación do novo documento, PSOE e BNG cumpren ó 100% o programa de goberno asinado na toma de posesión, en xullo do 2007.
O novo regulamento será un paradigma para os Concellos da provincia, xa que moi poucos dispoñen dun documento semellante ou, os que existen, están obsoletos. Ademais de ser un compromiso político, é un instrumento organizativo moderno que contempla cuestións que non estaban regulamentadas como o dereito á información e a categoría dos grupos políticos nos adscritos. Asimesmo, establece as normas para evitar o transfuguismo, prohibindo ós Deputados integrarse nun Grupo distinto a aquel no que o fixeron inicialmente.
800.000 euros de axudas
Tamén se prestou aprobación, coa abstención do Partido Popular, ó Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES, de 800.000 euros e co que o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social seguirá promocionando o emprego no 2011 e potenciando os sectores estratéxicos da provincia. Este é o 3º Plan que aproba o INLUDES e que resposta ás principais liñas do Orzamento do vindeiro ano: aposta polo sector agrogandeiro e medio rural; administración electrónica; creación de emprego; e a aposta polo medio ambiente e artesanía. O INLUDES adiantou 3 meses a aprobación deste instrumento de colaboración económica con respecto a 2010. Asimesmo, tamén se deu o visto e prace ás bases do Plan de Comunidades Veciñais de 2011, dotado con 2,3 millóns de euros.




















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



