Nota de prensa:
Deputación e Goberno de España poñen en marcha o pago de taxas por Internet o 3 de xaneiro
– Besteiro e Portomeñe asinan o convenio de adhesión para o funcionamento dun sistema normalizado e seguro, que permitirá ós cidadáns aforrar cartos e tempo
– Os primeiros beneficiados serán os máis de 200 anunciantes cos que habitualmente traballa o Boletín Oficial da Provincia
– A posta en marcha do pago telemático coincide coa do Boletín Electrónico polo que as 1º taxas en aboarse dende a Rede serán as dos anuncios do xornal oficial
– Fronte á Xunta que garante a banda longa en 2013, a Deputación implantará este servizo nun prazo récord de 2 meses nas Casas Consistoriais e nos 48 telecentros dos 51 Concellos adheridos ó Innova-TE
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, asinaron este mércores o convenio de adhesión do organismo provincial á entidade dependente da Secretaría de Estado de Telecomunicacións: Red.es, para a posta en marcha, o vindeiro 3 de xaneiro, do pago telemático. É un sistema común, normalizado e seguro, que permitirá ós cidadáns pagar os seus tributos dende Internet con todas as garantías xurídicas, aforrándolles cartos e tempo ó non teren que desprazarse xa á Deputación. Os primeiros beneficiados serán os máis de 200 anunciantes cos que habitualmente traballa o Boletín Oficial da Provincia.
Gómez Besteiro subliñou que “seguimos dando pasos na administración electrónica. A primeira posta e marcha e, por tanto o pistoletazo de saída, do pago de taxas por Internet será cando comezará a funcionar o Boletín só en soporte electrónico. Deixamos de empregar o papel despois de moitos anos cunha forma renovada e moderna. O BOP vai a vivir unha relación cos veciños distinta pero igual de eficaz que durante estes centos de anos”.
A posta en marcha do pago telemático coincide coa do Boletín Electrónico da Provincia (E-BOP). A partires do vindeiro luns, a publicación máis antiga da provincia, que data no ano 1835 pasará do soporte papel ó dixital logrando máis de 500.000 consultas durante 2011 ó estar nun soporte accesible para calquera persoa que dispoña de ordenador e de conexión a Internet. Isto redundará, no incremento da participación cidadá e nunha maior transparencia na xestión das institucións. Mediante a dirección www.deputacionlugo.org, o E-BOP garante o acceso universal e gratuíto á publicación oficial que dá publicidade ás disposicións de carácter xeral e as ordenanzas, así como os actos, edictos, acordos, notificacións, anuncios e demais resolucións do conxunto das Administracións que operan na provincia.
Tanto o pago telemático como o E-BOP enmárcanse dentro do Innova-TE, o programa tecnolóxico máis ambicioso en Galicia en canto a prazos e investimentos se refire. Conta con 9 millóns de euros, -cofinanciados nun 70% con fondos da Unión Europea-, e garante a total implantación da administración electrónica na provincia en 2011.
1º taxas de pago telemático
O funcionamento do pago telemático e do E-BOP o 3 de xaneiro suporá que as primeiras taxas que se poderán aboar mediante a Rede sexan as dos anuncios que a partires de dita data se queiran publicar no xornal oficial. Para elo, os cidadáns só terán que dispoñer dun ordenador, conexión a Internet e estar en posesión do DNI electrónico. Os pasos a seguir para realizar este proceso son os seguintes: entrar no apartado Inserción de anuncios no BOP con pago telemático, onde aparecerá un icono específico para esta función. Pinchando neste apartado, o cidadán poderá escoller o modo de pago. A continuación, terá que cubrir os datos e dar a conformidade. Concluído o proceso, o usuario estará en condicións de poder descargar o xustificante de pago.
Malia que os prezos do BOP serán os primeiros que se poderán pagar co novo sistema, o pago telemático irase ampliando a outras taxas públicas. Deste xeito, facilitará o pago ós 62 Concellos que teñen delegado a recadación de tributos na Deputación, e outros prezos públicos como as taxas por dirección de obras ou pola utilización dos bens de dominio público provincial.
Banda longa en 2 meses
O Presidente tamén anunciou que a Deputación vén de adxudicar provisionalmente a Telefónica o concurso de banda longa nas Casas Consistoriais e nos 48 telecentros existentes nos 51 Concellos, que voluntariamente se adheriron ó Innova-TE. O organismo provincial dotará tamén ás sedes do INLUDES e do Servizo Provincial de Recadación dunha conexión a Internet de calidade nun tempo récord de 2 meses. Deste xeito, a empresa adxudicataria instalará unha interconexión de fibra óptica totalmente redundada, é dicir, que garante o seu funcionamento de xeito ininterrumpido, permitindo unha navegación segura pola Rede.
Con esta actuación, a Deputación segue a facer fronte á discriminación que sofre a provincia en materia de novas tecnoloxías. Cun 45,6%, Lugo é a provincia galega coa maior porcentaxe de habitantes sen acceso á banda longa. A Xunta, administración con competencias directas na materia, sitúa este servizo no horizonte de 2013 para o 86% dos veciños, quedando un 14% sen el e sen data para obtelo.
“Eu insisto en reivindicar da Xunta que tomen esta asunto como prioritario para poñer fin a este estado de diferenza que existe na provincia. De nada serve que os Concellos estén preparados para a banda longa se os veciños dende as súas casas non o poden facer. Sempre me gusta establecer as responsabilidades no campo de cada un. Aquí hai unha ineludible para o goberno autonómico, que instale no 100% da provincia a banda longa. Nós estamos facendo o noso traballo, nós xa estamos preparados, nós fixemos os deberes, polo que sería triste que a Xunta retrasase o proceso”, destacou Gómez Besteiro.
Deste xeito, en menos dun ano, co Innova-TE, o organismo provincial e os Concellos terán os medios necesarios para que os veciños realicen, sen custe algún, os seus trámites coa administración dende a Rede. Nembargantes, ata dentro de 2 anos, non contarán co servizo de banda longa necesario que debe habilitar a Xunta para realizalos dende a casa. O Pleno da Deputación aprobou xa no mes de xullo, aínda que coa abstención do Partido Popular, instar ó Executivo galego a que axilice ás accións necesarias para garantir a extensión da banda longa durante o 2011 ó 100% dos Concellos lugueses, xa que na actualidade existen 162.085 habitantes sen este servizo.
Pola súa banda, o Subdelegado do Goberno subliñou que “é un día importante no que se demostra que a suma multiplica e a resta divide. Este sistema permite igualar ós cidadáns e coloca a Lugo no mapa do sector das comunicacións”.
Banda longa de calidade
No mes de xaneiro, comezarán os traballos dotados de máis de 1 millón de euros. En marzo, a Deputación garantirá un servizo de Internet de 2 megas como mínimo, logrando que municipios e organismo provincial interactúen sen cortes, de maneira inmediata e segura, e permitindo ós veciños a máxima axilidade na realización dos 120 trámites que poderán realizar dende Internet co Innova-TE.





















A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.



