Nota de prensa
O Plan do Litoral contempla a necesidade de conservar as agrupacións tradicionais costeiras como Rinlo, no concello de Ribadeo
a xunta potenciará o núcleo de rinlo a través dun plan director que inclúe actuacións en equipamentos urbanos, rede viaria e vivenda, por un importe de 1,2 millóns de euros
* Hernández anuncia que a primeira actuación do Plan Director será o acondicionamento do parque de Santa Catalina, obra á que a Xunta destina 100.000 euros
* Prevese a aceleración da redacción e aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no que se formulará un plan detallado para o casco de Rinlo
* Desconxestionarase a rede viaria, propoñendo un sentido único na vía principal do casco ou mellorando o espazo habilitado para aparcamento
* En relación á edificación, apostarase por conservar a imaxe tradicional do conxunto, manter os inmobles de interese, rehabilitar construcións en ruína ou reducir a porcentaxe de vivendas baleiras
* O proxecto contempla a potenciación da ruta praia das Catedrais- Rinlo- Ribadeo así como a mellora do acceso á praia de Areosa
* Na Mariña Lucense o Plan do Litoral analizou un total de 56 solos urbanizables correspondentes con 1.580 hectáreas, dos que 44 (1.543 ha) non son compatibles e necesitarán reformular o seu desenvolvemento para adaptarse ao POL
Ribadeo, 12 de febreiro de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, explicou esta mañá, durante a súa visita á localidade lucense de Rinlo, que o Plan de Ordenación do Litoral contempla a localidade lucense de Rinlo como un Núcleo de Identidade do Litoral (NIL), unha figura que pon de manifesto a necesidade de conservar as agrupación tradicionais da costa galega.
En total o POL caracterizou 170 núcleos ao longo do litoral como NIL, por responder a asentamentos tradicionais cuxa localización estratéxica no bordo costeiro e nas rías confírelle unha singularidade que lles fai merecedores dun tratamento especial.
Plan Director
En consonancia coa defensa dos valores de conservación e recuperación dos núcleos tradicionais que contempla o POL, a Xunta de Galicia desenvolverá, cun investimento de 1,2 millóns de euros, o Plan Director de Rinlo, cuxa primeira actuación será o acondicionamento do parque de Santa Catalina, proxecto que contará cun investimento de 100.000 euros por parte da Xunta, segundo puxo de manifesto o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas esta mañá, nun acto no que tamén estivo presente o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia.
Na actualidade, este parque dispón dunha área infantil no centro, unha superficie para o estacionamento e unha vía perimetral. A proposta da consellería é eliminar o estacionamento, manter o parque e permitir o paso de vehículos, pavimentando e colocando mobiliario urbano.
O Plan Director de Rinlo, enmarcado no Plan Hurbe, ten como obxectivo revitalizar esta zona costeira de Ribadeo, mellorando a súa imaxe mediante o acondicionamento de equipamentos, rede viaria ou vivenda. A consecución dunha mellor imaxe redundará no incremento das visitas turísticas, potenciando así o desenvolvemento económico e social desta localidade.
O titular de Infraestruturas sinalou que resultará fundamental a delimitación clara do casco urbano mediante operacións de urbanización e construción que contribúan á definición física dos seus bordes. Prevese a aceleración da redacción e aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no que se formulará un plan detallado para o casco de Rinlo.
En relación á edificación, apostarase por conservar a imaxe tradicional do conxunto, manter os inmobles de interese, rehabilitar construcións en ruína ou reducir a porcentaxe de vivendas baleiras. O plan fai fincapé en non permitir o abandono nin a demolición de muros tradicionais así como en revestir de pedra os muros existentes de bloque.
A rede viaria tamén é un punto fundamental neste plan, polo que se pretende desconxestionar e racionalizar o tráfico. Proponse un sentido único na vía principal do casco e da ponte, a peatonalización parcial, a potenciación dunha vía que actúe de circunvalación do centro ou a mellora do estacionamento. No casco de Rinlo existen rúas en mal estado e con materiais discordantes, motivo polo que se prevé cambiar o asfalto por pedra ou renovar as instalacións e mobiliario destas.
O Goberno galego é consciente de que as praias de Ribadeo significan un importante reclamo turístico que como xa se explicou redunda no desenvolvemento económico e social desta zona da Mariña Lucense. Deste xeito, o Plan Director contempla a potenciación da ruta turística Praia das Catedrais- Rinlo- Ribadeo, xa que actualmente a maioría dos turistas non fan paradas en Rinlo. Tamén se facilitará o acceso á praia da Areosa, que a día de hoxe atópase deteriorado. Outras actuacións contempladas no plan son a renovación do pavimento e mobiliario urbano do Campo de San Pedro e da Praza de Calvo Sotelo.
O POL na Mariña
Na Mariña Lucense o Plan de Ordenación do Litoral analizou un total de 56 solos urbanizables correspondentes con 1.580 hectáreas. A análise realizada achou 12 solos (cerca de 37 hectáreas) que son compatibles cos criterios do plan e un total de 44 solos (1.543 ha) que, ao non ser compatibles, necesitarán ou ben adaptarse ao POL, ou ben reformular o seu desenvolvemento ou o propio plan xeral.
As cetarias de Rinlo
Unha das grandes apostas do POL é recoller os elementos (construcións e instalacións) vinculados ao mar como medio de produción, moitos dos cales se perderon ou caeron en desuso por non cubrir as demandas actuais. Neste senso, o documento que vén de aprobar a Xunta aposta pola súa conservación, mediante a busca de novos usos que respecten a súa memoria, conserven a súa identidade e dinamicen outros sectores como os culturais.
Segundo recolle o propio documento de ordenación do litoral nas súa estratexias de actuación, en Rinlo as cetarias (viveiro de crustáceos, situado en comunicación co mar) “son mostra da intelixente lectura do cantil” que formaba pequenas piscinas, idóneas para estas prácticas. Para que esta produción fose posible, necesitábase enxeñar un sistema de defensa contra o mar. Os mesmos muros que os campesiños utilizaban para evitar o spray mariño farían este litoral apto para o cultivo de crustáceos. Hoxe en día, xa obsoletas, substitúense por plantas de acuicultura.
Neste senso, o POL aposta por analizar as tipoloxías dos elementos patrimoniais, como son as cetáreas para entender o seu funcionamento e configuración, así como destacar as características esenciais para o seu mellor entendemento. Deste xeito, os novos usos propostos responderán ás necesidades do concello e o seu contorno. Neste caso considéranse como usos compatibles un centro de investigación-ensino (I+D+I), centro de interpretación así como usos relacionados coa restauración e servizos.
O obxectivo é manter vivo -mostrar e conservar- este patrimonio á sociedade, fomentando a súa función cultural e identitaria, e achegando o litoral á poboación. Non se trata de musealizar senón de compatibilizar novos usos, froito de necesidades actuais dos concellos, co carácter e a natureza do elemento que se desexa valorizar e a paisaxe na que se integra.




















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



