Nota de prensa
CUN TALLER DE MAQUILLAXE E MÁSCARAS ARRINCA O VINDEIRO DOMINGO O ANTROIDO EN BURELA. O CONCELLO REPARTIRÁ 3.000 EUROS EN PREMIOS NO DESFILE DO 8 DE MARZO.
Burela, 24 de febreiro de 2011. Cun taller de maquillaxe e máscaras arrinca o vindeiro domingo o antroido en Burela, segundo ven de anunciar a concelleira de Cultura, Neves Cando.
A edil nacionalista explicou esta mañá que “este domingo, 27 de febreiro, comeza o antroido en Burela cun taller de maquillaxe, máscaras e disfraces, organizado pola sociedade cultural Ledicia e dirixido a todos os nenos e nenas de Burela que queiran aprender a prepararse para o antroido. Terá lugar de cinco a oito da tarde no local social de Ledicia”.
Neves Cando dixo que “despois continuaremos os días 3 e 4 de marzo cun obradoiro de doces de antroido impartido pola asociación de amas de casa de Burela e que se desenvolverá no seu local durante a tarde desas dúas xornadas. Trátase de aprender a preparar rosquillas, orellas, filloas e buñuelos e está dirixido a todos os públicos, desde os máis pequenos ata os maiores que queiran aprender a cociñar estas delicias do antroido”. Os interesados en participar nesta cita deberán anotarse no Concello.
A concelleira de Cultura engadiu que “ese mesmo venres, 4 de marzo, haberá a partires das dez da noite unha cea-baile organizada pola comisión das festas patronais de Burela. O domingo 6 é o día adicado aos nosos maiores, que poderán disfrutar dunha chocolatada durante o baile que se desenvolve na antiga praza de abastos. O luns 7 a partires das nove da noite haberá un percorrido polas nosas rúas das charandas de Burela, A Pataqueirada e O mellor da cada casa e a continuación verbena na praza da Mariña a cargo da orquestra Océano”.
O martes, 8 de marzo, é o día grande do antroido en Burela, “é o día do desfile que desde as cinco e media da tarde percorrerá as rúas da vila desde a rúa do Ril ata a praza da Mariña. Repartiremos coma todos estes anos 3.000 euros en premios entre as categorías infantil e adulto e pódese participar en carrozas, en grupos, en parellas ou de maneira individual. E xa remataremos o mércores 9 de marzo co enterro da sardiña, a comitiva fúnebre sairá do Campón ás oito e media da tarde e rematará o seu percorrido na praia do Portelo”.
Cando lembrou que “este ano por primeira vez todos estes actos do antroido serán anunciados nun cartel elaborado por tres rapazas de Burela, que resultaron gañadoras da votación popular que se levou a cabo entre todos os carteis presentados ao concurso que convocamos a tal efecto”.

























A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
Villares gabou o traballo realizado e subliñou que “a implicación do tecido social e dos veciños e veciñas é clave para transmitir as tradicións que forman parte da nosa identidade e reforzar os vínculos da comunidade”. Na xornada principal deste xoves destacou a ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos. O venres e o sábado celebraranse o Festival Folklórico Internacional e o Festival Folklórico Infantil respectivamente, organizados polo Grupo Mistura.
O Concello de Ribadeo atende así a petición realizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, que solicitou permisividade neste sentido aos 67 Concellos da provincia de Lugo. Ademais o Concello autorizou a instalación dunha pantalla na praza de Porcillán. A petición foi realizada pola Asociación Cultural Festas do Carme.
Este ano, como novidade, as crianzas participantes neste programa están a desfrutar de sesións de inglés dunha forma lúdica, dinámica e divertida, grazas á colaboración da English School de San Cibrao. A través de xogos, cancións, actividades participativas e moita creatividade, os nenos e nenas reforzan a aprendizaxe do inglés nun ambiente distendido, fomentando a comunicación, a curiosidade e a confianza para expresarse noutra lingua.
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
O Grupo Sargadelos adquiriu todos os bens inmobles, maquinaria e fondo de comercio de Burelarte S.L. As naves, de máis de 3.000 m² e os terreos anexos, con máis de 4.000 m², destinaranse a ampliar e mellorar a capacidade produtiva das empresas do grupo. Ademais, Sargadelos integrará a maior parte da plantilla de Burelarte e tentará manter viva a marca BurelaRTe, recoñecida pola súa calidade no gres porcelánico, sempre que a autoridade laboral o permita.



