Nota de prensa
O XIMNASIO DA PISCINA MUNICIPAL DE LIEIRO RETOMARÁ O SEU HORARIO DE INVERNO A PARTIRES DO VINDEIRO LUNS, 5 DE SETEMBRO
As piscinas ao aire libre de Río Cobo permanecerán abertas ao público ata o 18 de setembro, momento no que está previsto que volva a abrir as portas a piscina olímpica tralos traballos de mellora e mantemento feitos nesta instalación durante o mes de agosto
Cervo, 31 de agosto de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, informou de que as piscinas ao aire libre das instalacións deportivas de Río Cobo non pecharán as súas portas a finais deste mes como viña sendo habitual, se non que permanecerán abertas ao público ata o 18 de setembro.
Segundo indicou o rexedor municipal, a decisión de alongar este período de apertura das instalacións de Río Cobo é motivada pola prolongación das labores de mantemento que se están a facer na piscina olímpica de Lieiro, e que obrigarán a retrasar a súa apertura ata esa data (18 de setembro).
O XIMNASIO PERMANECE ABERTO E CAMBIA AO SEU HORARIO DE INVERNO
Alfonso Villares indicou tamén que o ximnasio municipal situado no edificio da piscina olímpica de Lieiro trocará o seu horario a partires do vindeiro luns, 5 de setembro. “Neste mes de agosto o ximnasio viña mantendo un horario partido en xornada de mañá e de tarde, pero a partires do vindeiro luns volverá ao seu horario habitual de inverno, é dicir: de 9 da mañá a dez da noite de xeito ininterrompido” sinalou o alcalde cervense.
Por último, o alcalde lembrou que dende o consistorio continúan a traballar para mellorar as instalacións deportivas municipais “e para poder ofertar máis e mellores servizos aos nosos veciños e veciñas afeccionados á práctica do deporte” recalcou.