Nota de prensa
O BNG da Mariña presenta emendas parciais aos orzamentos da Xunta para incrementar o investimento na comarca en mais de 13 millóns de euros.
Manuel Parga destaca que as propostas na súa maioría van encamiñadas a investimentos produtivos para a xeración de emprego e o mantemento de servizos sociais e sanitarios básicos.
O Vice – responsábel comarcal Xoán Antón Estúa critica a ausencia de compromiso do PP coa comarca que certifica o fracaso do goberno de Feijoo en materia laboral, social e económica.
A Mariña, 28 de novembro de 2012. O BNG da Mariña por medio do seu Vice – responsábel comarcal, Xoán Antón Estúa e o parlamentario Manuel Parga fixeron públicas as emendas parciais aos orzamentos da Xunta 2012 presentadas polos nacionalistas da Mariña. Ambos destacaron que as propostas dos nacionalistas mariñaos xiran en torno a incrementar os investimentos dirixidos á xeración de emprego na comarca e a manter os servizos sociais e sanitarios básicos. Os nacionalistas criticaron a ausencia de compromiso do PP coa comarca e o incumprimento dos compromisos dos populares que certifican o fracaso do goberno de Feijoo en materia laboral, social e económica.
Os nacionalistas pretenden multiplicar por dous o investimento real da Xunta na comarca para 2012.
Manuel Parga explicou que no paquete de emendas parciais inclúense partidas económicas “que pretenden compensar a ausencia de compromiso inversor do goberno de Feijoo coa Mariña a pesar dos numerosos compromisos efectuados por diferentes representantes institucionais e políticos do PP en tempos ben recentes.” O nacionalista cuantificou en mais de 13 millóns de euros o paquete de emendas presentadas que multiplicaría por dous o investimento real previsto na actualidade pola Xunta para 2012. Parga puntualizou algunha das emendas entre as que destacou a dirixida a incrementar o investimento na VAP da costa en 3 millóns de euros e 1,5 para a LU-124 que conecta A Pontenova, Mondoñedo e Riotorto coa A-8, outra partida para o Hospital da Costa de 2 millóns, as partidas xenéricas para concertos da Consellaría de Traballo e Benestar cos concellos a fin de compensar a perda de emprego ou para o Plan Concertado que deixou na estacada aos concellos do país na actual anualidade.
O PP ten que asumir as súas responsabilidades como goberno e deixar de botar balóns fora.
O Vice – responsábel comarcal nacionalista Xoán Antón Estúa, cualificou o goberno do PP como “brigada de demolición” en política social e “fábrica de desemprego” en materia laboral e económica, “mentres A Mariña e o conxunto do país sufre as consecuencias da crise en forma de desemprego, o PP bota balóns fora ou mira cara outro lado sen aplicar ningunha medida que non sexa meter a podadora nos servizos sanitarios, sociais ou educativos e sempre apuntando ás capas sociais mais desfavorecidas”. O nacionalista demandou “medidas compensatorias nos concellos que están sufrindo os recortes no Plan Concertado e aqueles que están afectados por EREs que condenan ao paro e a parálise económica”, Estúa exemplificou nas problemáticas abertas cos despedimentos e peches de empresas en Lourenzá e Mondoñedo insistindo en que “a Xunta non pode asistir pasivamente ao desmantelamento económico da comarca permitindo o peche de empresas sen achegar solucións nin alternativas” .Neste sentido explicou que “a Consellaría de Traballo ten capacidade para tomar medidas nos concellos afectados que deberían compensar os golpes desta crise.”
Os dous parlamentarios do PP con residencia na comarca terán a oportunidade de demostrar si están para servir á cidadanía da comarca ou so para aguantarse na poltrona.
Para rematar, os nacionalistas explicaron que hai outras emendas de carácter local que van dirixidas a completar e mellorar infraestruturas sociais, de saneamento, para abastecemento de auga ou para vivenda protexida. Parga e Estúa agardaron o apoio dos dous representantes populares con residencia na comarca a estas emendas, algunhas delas para investimento nos seus propios concellos de residencia e outras que formaban parte de compromisos electorais anunciados por eles mesmos.