Nota de presna
VILLARES PÍDELLE Á DEPUTACIÓN QUE REMATE A VÍA DE UNIÓN ENGTRE O POLÍGONO DE CUÍÑA E A ESTRADA N-642
O alcalde cervense cree que o remate desta nova vía é fundamental para facilitar o asentamento de empresas nesta área industrial
O Concello leva agardando máis de cinco anos a que o organismo provincial asuma o seu compromiso de finalizar estas obras
Cervo 17 de decembro de 2011.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, reiterou unha vez máis a necesidade de que a Deputación de Lugo execute as obras da vía de acceso entre o núcleo de Espiñerido (na N-642) e o polígono industrial de Cuíña. O rexedor lembrou que o Concello se dirixiu oficialmente ao ente provincial por última vez solicitando esta actuación o pasado mes de outubro “sen que ata o momento teñamos obtido ningún tipo de resposta ás nosas peticións” salientou Villares.
Nesta última notificación, o Concello recordáballe aos responsables provinciais que a devandita obra foi un compromiso adquirido pola Deputación. A este respecto o alcalde lembrou que xa no seu día -cos anteriores xestores da Deputación- se iniciaran as xestións para materializar esta nova vía de comunicación: “Nunha primeira fase actuouse nuns 800 metros, para os que se levou adiante a expropiación dos terreos. Posteriormente se construíu a ponte sobre a vía de FEVE e se fixo a explanación dos terreos. Agora -proseguiu- o que resta por facer é acometer a expropiación do tramo restante, duns 700 metros de lonxitude, e a execución e remate completo da vía” explicou Villares.
O rexedor cervense recalcou que o Concello leva agardando máis de cinco anos a que a Deputación asuma o seu compromiso de rematar estas obras, “e por iso, creemos que deben tomar cartas no asunto dunha vez por todas porque se trata dun asunto que é exclusivamente da súa competencia”.
Obra fundamental para impulsar a creación de emprego
Alfonso Villares cualificou o remate desta nova vía de acceso ao polígono de Cuíña coma “fundamental” para facilitar o asentamento de empresas nesta área industrial. Ao fío disto lembrou que o Concello puxo en marcha recentemente unha serie de medidas para impulsar a creación de emprego mediante incentivos fiscais aos empresarios e autónomos interesados en asentarse no polígono de Cuíña. “Modificouse o imposto municipal sobre construcións para bonificar o 95% desta taxa para aquelas empresas, comercios e industrias que se queiran asentar no polígono industrial de Cuíña; e tamén se suprimiron dous coeficientes impositivos da ordenanza municipal de licencia de apertura de establecementos, o que supón unha baixada de ata un sesenta por cento, do importe das taxas a pagar por aqueles establecementos, empresas e industrias que desexen asentarse no termino municipal” salientou o rexedor.
Dende o Concello de Cervo entenden necesario incentivar o asentamento comercial e industrial no municipio para conseguir acadar un obxectivo final: a creación de postos de emprego. “Consideramos que debemos poñer a disposición de tódolos emprendedores as maiores facilidades para poder levar adiante os seus proxectos e a súa actividade, ben sexa comercial, industrial ou empresarial; porque si así o fan, será algo que redundará no beneficio de tódolos cervenses. O factor fundamental que nos debe mover a todas as administracións é colaborar entre todos para apoiar a creación de emprego e por iso lles reclamamos á Deputación provincial que non se esquezan da súa obriga de levar adiante este vial, co cal de lle dotaría ao polígono de Cuíña dunha vía de acceso directa á estrada nacional N-642” indicou Villares.