Nota de prensa:
“A VELAS VIR” FOI O GRUPO GAÑADOR DO 1º CERTAME “EN MARCHA MÚSICA XOVE”
Este grupo de Monforte fíxose co premio fronte a outros 14 grupos da provincia de Lugo que participaron neste certame para promover o pop e rock na xuventude lucense
O gañador recibe como premio a edición de 1000 copias dun disco e os finalistas, “Yuno” de Viveiro, “Stick-Up” de Sarria e “Miriam López Vila” de Lugo outras 1000 copias dun CD conxunto
Lugo, 11 de xaneiro de 2012. Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social, Deporte e Mocidade, mailo delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, e Eloi Caldeiro, responsábel da discográfica que gravou os CDs para os grupos gañadores, entregaron esta mañá na Deputación de Lugo os premios do 1º Certame “En Marcha Música Xove”, que gañou o grupo de Monforte de Lemos “A Velas Vir”. Este grupo recibiu como premio a edición dun CD con 9 dos seus temas, do que recibirán 1000 copias que poderán distribuír segundo o desexen. Como finalistas resultaron “Yuno” de Viveiro, “Stick-Up” de Sarria e “Miriam López Vila” de Lugo outras 1000 copias dun CD conxunto con temas dos tres grupos.
O certame “En Marcha Música Xove” tiña como obxectivo promover a creatividade musical dos mozos e mozas lucenses menores de 30 anos no ámbito do pop e do rock. Presentáronse un total de 14 grupos de toda a xeografía lucense, como boa mostra dá xa a disparidade xeográfica dos finalistas, que foron seleccionados para participar en concertos en Lugo, Ribadeo, Viveiro e Ribas do Sil, e a gala final celebrouse en Monforte de Lemos cos finalistas do certame.
Segundo destacaron tanto Antonio Veiga como Mario Outeiro, con este tipo de concursos búscase incentivar a creación musical entre a xuventude e ao mesmo tempo darlles a oportunidade, por unha banda, de gravar e ter un disco aos que resulten finalistas e, por outra, en tocar diante do público en escenarios profesionais para dar a coñecer as súas propostas, unha oportunidade que aos grupos que están empezando se lle antollaría moi complicada doutra maneira. Na mesma liña, desde a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo valorouse moi positivamente o bo momento musical que atravesa a música nos grupos noveis dado a gran cantidade de grupos que se presentaron, malia quedar algúns interesados en participar sen poderse apuntar por ter os seus membros máis de 30 anos.
Ademais, o certame tamén tiña como condición que polo menos un dos temas que os grupos presentaban ao certame para ser seleccionados tiña que ser en galego, co que tamén se está a promover o uso da lingua propia do país nun ámbito no que non se soe atopar, como é o do pop / rock, no que o inglés predomina sobre o resto dos idiomas claramente.