Nota de prensa
FERNANDO SUÁREZ SOLICITA MANTER UNHA ENTREVISTA CO DIRECTOR XERAL DE PATRIMONIO PARA FALAR DOS ÚLTIMOS ACHÁDEGOS LOCALIZADOS NA RÍA DE RIBADEO.
Ribadeo, 7 de febreiro de 2012. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, ven de solicitar manter unha xuntanza do director xeral de Patrimonio da Xunta, José Manuel Rey Pichel, para que “nos dean información sobre os últimos achádegos localizados na ría de Ribadeo”. O rexedor falou esta mesma maña con Rey Pichel “que se amosou receptivo a manter este encontro nestes vindeiros días”.
Os traballos de dragado da canle da ría de Ribadeo, que está a levar adiante Portos de Galicia, permitiron localizar un grande pecio hai unhas semanas. Suárez Barcia di que “todo apunta a que se trata dun galeón do século XVI”. O rexedor aproveitou para pedir unha vez máis “a continuidade das prospeccións na ría, porque alberga unha importante riqueza arqueolóxica. Debemos velar por ela e extraer todo o que se poida para evitar posibles expolios”.