Nota de prensa
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Avenida de Lugo, 2 – A, entresollado A, Santiago de Compostela (Galiza) | Tel. 981 563 885 | Fax. 981 583 782 | www.amesanl.org
O próximo xoves (quinta feira) 15 de marzo preséntase en Ourense Abertos ao Galego, un proxecto para a dinamización do galego no ámbito empresarial
Participarán na presentación Isabel Pérez (tenente de alcalde e concelleira de normalización lingüística), Carlos Callón (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística), Davide Paz (do Café Cultural Auriense) e Iria Taibo (coordinadora de Abertos ao Galego)
A presentación, na que colabora a concellaría de Normalización Lingüística, ten o obxectivo de facer chegar o proxecto ao empresariado da cidade.
Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística, desde o que se promove a actividade de empresas que usan preferentemente o galego. Por unha banda serve para dar a coñecer a actividade dun colectivo que fai un esforzo por pomover a lingua galega, xa que desde A Mesa se constata unha demanda de servizos en galego.
Ademais, Abertos ao Galego ten tamén o obxectivo de converterse nunha plataforma para a colaboración entre empresas que teñen en común a defensa do galego na súa actividade diaria.
Abertos ao Galego nos últimos meses ten posto en marcha actividades de promoción do consumo en galego, como un catálogo de nadal, con suxestións de agasallo procedentes de empresas integrantes do proxecto, ou o premio Abertos ao Galego, co que se quere dar os parabéns cada ano a unha empresa que se destaque polo uso do galego na súa actividade.
Na cidade de Ourense hai varias empresas que participan deste proxecto (como o Café Cultural Auriense, a libraría A Nova ou A Picota).
Na presentación participarán:
Isabel Pérez, Tenente de Alcalde e Concelleira de Normalización Lingüística
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
Davide Paz do Café Cultural Auriense, membro de Abertos ao Galego na cidade de Ourense
Iria Taibo, coordinadora de Abertos ao Galego