A XUNTA DE GALICIA CONSTRUIRÁ UN NOVO PUNTO LIMPO NO CONCELLO DE CERVO NO CAL SE INVESTIRÁN MÁIS DE 285.000 EUROS E MELLORARÁ A XESTIÓN DE RESIDUOS DESTE MUNICIPIO DA PROVINCIA DE LUGO
O emprazamento do punto limpo é no polígono industrial de Cuíña e contará cunha superficie de 10.606 metros cadrados
Esta instalación beneficiará directamente aos máis de 5.000 habitantes das seis parroquias de Cervo, concentrándose a maior parte da poboación no núcleo de San Cibrao
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe a colaboración técnico- financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Cervo para a construción dun punto limpo neste municipio lucense. Para esta infraestrutura, o Executivo autonómico achegará preto de 285.000 euros, dos que o Goberno galego entregará o 100 % do total para a execución destas obras de carácter ambiental, que suporán unha importante mellora na xestión de servizos desta área da provincia de Lugo.
A situación do punto limpo é no polígono industrial de Cuíña e conta cunha superficie de 10.606 metros cadrados. As obras que se van a executar pasan polo movemento de terras, a urbanización da área do punto limpo, colocaranse as instalacións xerais e unha oficina e mais un almacén. Así mesmo, levarase a cabo o peche perimetral e a porta de acceso, poranse colectores e sinalización e procederase á xestión de residuos.
Esta instalación beneficiará directamente os más de 5.000 habitantes das seis parroquias de Cervo, concentrándose a maior parte da poboación no núcleo de San Cibrao. Neste momento, a localidade lucense carece doutros sistemas de recollida de residuos urbanos propios deste tipo de instalacións.
Nesta instalación, onde se depositarán aqueles materiais que, polas súas características, non se poden tirar nos contedores da rúa, tales como pilas, fluorescentes, baterías, colchóns e electrodomésticos, entre outros moitos. Así mesmo, poténcianse accións como a recuperación e reciclaxe; evitar a vertedura incontrolada de entullos e obxectos voluminosos; para lograr almacenar, en condicións de seguridade e saúde, os residuos perigosos co fin de protexer o ambiente.
Mellor calidade vida
Con este tipo de actuacións, o departamento que dirixe Agustín Hernández destina recursos para levar a cabo distintas obras que teñen como obxectivo principal a mellora da calidade de vida dos cidadáns galegos e, ao mesmo tempo, protexan o ambiente
A Xunta de Galicia mantén unha aposta clara e definitiva por unha adecuada valorización dos residuos sólidos urbanos (RUS) e traballa co fin de implicar neste propósito aos concellos galegos.
O Executivo autonómico tamén trata de potenciar o principio de proximidade, para facilitar a xestión do sistema integral aos concellos, con todas aquelas medidas que lles permitan abaratar os seus custos de transporte. Grazas a esta política de actuacións, Galicia sitúase na vangarda no referente ao tratamento de residuos, ao dispor dunha sistemática xestión integral, consolidada e sustentable dentro do territorio nacional e comunitario que, coas infraestruturas dispostas nestes momentos, garante o peche do ciclo iniciado coa recollida fraccionada en orixe.
Esta progresiva incorporación dos concellos galegos a un adecuado tratamento dos seus residuos permitiu acometer accións como estas, que logran unha restauración dos espazos ocupados polos antigos vertedoiros.