Nota de prensa:
FEDE VIDAL, CO FÚTBOL SALA MARIÑÁN
O seleccionador nacional sub-21 de fútbol sala, Fede Vidal, protagonizou o sábado pasado en Burela o II Encontro do Deporte Base na Mariña, organizado pola Fundación Imdecum, con numerosos profesionais da bisbarra entre os asistentes.
Tras un relatorio sobre o modelo de xogo sub-21 no IES Monte Castelo, o técnico da Vermella trasladouse ao pavillón Vista Alegre para compartir unha sesión práctica coas categorías de base do club colaborador no Encontro, o Burela FS Pescados Rubén, cita na que os rapaces tamén puideron conversar distendidamente con Fede Vidal e resolver moitas das súas inquedanzas deportivas.
Pola tarde, o seleccionador presenciou o encontro da Segunda División entre o Burela FS e o líder, Oxipharma Granada, como convidado de honra da entidade laranxa.