A PROVINCIA DE LUGO REXISTRA EN 2012 UN TOTAL DE 41 ESTABLECEMENTOS CON Q DE CALIDADE TURÍSTICA, 17 MÁIS QUE EN 2011
A Secretaría Xeral para o Turismo a través de Turgalicia asinou acordos coas asociacións de aloxamento de Turismo Rural, Axencias de Viaxes, Hoteis e Apartamentos Turísticos, Servizos de Restauración, Instalacións Náutico Deportivas e Campos de Golf para incentivar a implantación, renovación ou certificación da Marca Q de Calidade Turística
Entre as novidades neste 2012 figura tamén a sinatura de convenios para a implantación da Q en adegas visitables e establecementos de lecer nocturno
Ademais de asinar convenios a través de Turgalicia co sector, a Secretaría Xeral para o Turismo nas súas ordes de axudas ao sector incrementa do 40 ao 75% o máximo subvencionable para a certificación, seguimento ou renovación da marca Q nas empresas turísticas. A orde específica de 2012 para implantar e renovar as certificacións de Calidade Turística está dotada con 100.000 euros
Santiago, 19 de abril de 2012.- A secretaria xeral para o Turismo e conselleira delegada da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, Carmen Pardo, asinou esta mañá na sede de Turgalicia convenios coas asociacións de aloxamento de Turismo Rural, Axencias de Viaxes, Hoteis e Apartamentos Turísticos, Servizos de Restauración, Instalacións Náutico Deportivas e Campos de Golf convenios para a implantación e difusión da marca Q de Calidade Turística para o ano 2012. Como novidade, este ano os convenios asinaranse tamén con Adegas Visitables e mais cos establecementos de Lecer Nocturno.
Ademais dos convenios que se asinan con Turgalicia, a Secretaría Xeral para o Turismo establecerá unha orde de subvencións para empresas turísticas e servizos complementarios para a implantación, certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE dotada cun importe de 100.000 euros. Por primeira vez este ano o máximo subvencionable pola Secretaría Xeral para o Turismo pasa do 40 ao 75% neste tipo de ordes. Ademais, todas as ordes de subvención da Secretaría Xeral para o Turismo en 2012 contemplan vantaxes para os establecementos e servizos adheridos a este distintivo.
A sinatura dos convenios cos representantes do sector empresarial turístico enmárcase no programa de apoio á implantación da marca Q de Calidade Turística para o ano 2012 de Turgalicia e inclúen unha oferta de servizo de consultoría no ámbito colectivo para as empresas e asociacións que estimen oportuno adherirse ao sistema de Calidade no Turismo. A Xunta de Galicia incentiva economicamente aos empresarios que implanten este sistema no ámbito individual soportando os custos directos das auditorías externas de certificación ou renovación da marca Q, así como a cota de mantemento do distintivo de calidade.
Comparativa Galicia e España
Galicia é a Comunidade Autónoma Española na que máis aumentaron os establecementos certificados coa Q de Calidade Turística en 2011. Tamén é a comunidade con maior número de aloxamentos certificados -106 de 771-. Por segundo ano consecutivo, Galicia é a comunidade na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa marca Q. Ocupamos a primeira posición no relativo a balnearios certificados -7 dun total de 38-. Galicia é a primeira CCAA en Q de Calidade Turística nas categorías de Turismo Rural, Instalacións Náuticas-Deportivas e Turismo Activo. Galicia é a segunda comunidade en Axencias de Viaxes e Palacios de Congresos – 2 dos 10 certificados existentes en España están en Galicia.
No 2003 había en Galicia 13 establecementos distinguidos coa marca Q de Calidade Turística, a cifra acadou os 234 en 2011. Na provincia de Lugo rexístranse este ano un total de 41 establecementos distinguidos; 17 máis que os rexistrados o ano pasado. No conxunto de Galicia hai 33 establecementos con Q de Calidade Turística máis que en 2011.
Remitido