ADEGA PÍDELLE DILIXENCIA AO MINISTERIO FISCAL CONTRA OS CASOS DE PREVARICACIÓN DO CONCELLO DE BARREIROS
A Mariña, 03 de abril de 2012.- Ante a reanudación das obras en Barreiros de CONSTRUCIONES Y PROMOCIONES J. DÍAZ FERNÁNDEZ, ADEGA ven de persoarse de novo ante o Ministerio Fiscal para presentar documentación que proba a usurpación de terreos de titularidade pública por parte do promotor e a ilegalidade da licenza por non contar aínda con autorización de Augas de Galicia para a ocupación do dominio público hidráulico e da zona de policía, o cal por si mesmo xa invalida calquera licenza municipal. Ademais fai fincapé en que as solicitudes do promotor para tal autorización son do ano pasado cando o recoñecemento da licenza xa é de decembro do 2009. A maiores esta licenza de obra está expresamente afectada polo Decreto 15/2007, polo que se suspenden as Normas Subsidiarias do Concello de Barreiros.
Xa en outubro do ano pasado, ADEGA presentou na Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo unha denuncia contra do Alcalde de Barreiros, D. José Alfonso Fuente Parga, por ter recoñecido expresamente (en reunión da Xunta de Goberno Local do 30/12/2009) o outorgamento desta licenza urbanística a CONSTRUCIONES Y PROMOCIONES J. DÍAZ FERNÁNDEZ , a sabendas de todas as ilegalidades e irregularidades que cometía:
-A solicitude de licenza conta cun informe negativo da asesoría xurídica do concello por non axustarse ao planeamento urbanístico,
-A parcela non reúne os requisitos para ter a categoría de solar, porque carece de accesos e non ten asegurados os servizos de auga potable e saneamento, nin o de enerxía eléctrica e comunicacións,
-A parcela está afectada por un Decreto da Xunta de Galicia polo que se suspende a Normativa Urbanística Municipal e que, expresamente, prohibe o outorgamento de novas licenzas urbanísticas sobre dita parcela,
-A obra afecta ao dominio público hidráulico e a zona de policía e nin tan sequera conta coa solicitude de concesión e de autorización para a ocupación das zonas de dominio e de policía dun río, dun rego ou dun regato,
-A obra, sen ningún tipo de expediente previo, usurpa terreos que, de acordo co Rexistro de Propiedade, son de titularidade pública municipal.
Pese a todo isto, o Sr. Alcalde de Barreiros outorga a licenza de obra por silencio administrativo, cando este outorgamento, de acordo coa lei, nunca se podería ter feito aínda que tan só se acometerá unha soa das irregularidades citadas. Así pois, calquera que conte co favor da Alcaldía de Barreiros pode obter licenza de obra só co informe favorable da arquitecta municipal e o correspondente acordo da Xunta de Goberno Local. Semella que a Arquitecta Municipal e o Sr. Alcalde teñen competencias (outorgadas pola preguiza, o desistimento e a neglixencia da autoridade urbanística) para interpretar a lei, para falsear datos, ocultar documentos e ata para facer desaparecer fisicamente o chamado Rego de Lopo (afectado pola devandita obra).
ADEGA tamén repara na actitude do promotor, o cal reanuda as obras a sabendas de que a licenza outorgada polo concello está denunciada diante da Alcaldía e da Axencia para a Protección da Legalidade urbanística. De acordo coa lei, nestas circunstancias, non se poden reanudar as obras; pero en Barreiros, se se conta co favor da Alcaldía, pódese continuar coas obras sen tan sequera necesidade de informe a favor da arquitecta municipal e sen tampouco acordo da Xunta de Goberno Local.
ADEGA confía en que o Ministerio Fiscal poida seguir sendo independente do poder político e se dote da vontade e dos medios suficientes para, con dilixencia, actuar con contundencia contra estes casos de prevaricación e corrupción urbanísticas. Trátase, dende logo, dunha URXENCIA DEMOCRÁTICA: ningunha sociedade minimamente democrática pode aceptar tal discriminación fronte a Lei duns cidadáns con respecto a outros.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



