PRESENTACIÓN PROXECTO LI&LA
DINAMIZACIÓN DA DIÁSPORA CABOVERDIANA EN ESPAÑA
O vindeiro domingo, 29 de abril, a partir das 17 horas, realizarase no local da comunidade caboverdiana de Burela, na Rua do Río, un encontro con Eloisa Cardoso, da Organização de Mulheres de Cabo Verde. Esta actividade fai parte do Proxecto LI&LA, que se está a desenvolver en catro comunidades caboverdianas no estado español (Burela, Zaragoza, Madrid e Bembibre) e tres illas do arquipélago caboverdiano (Santiago, Santo Antão e São Nicolau).
O obxectivo xeral deste proxecto é promover lazos de comunicación e información directa entre as comunidades históricas da diáspora caboverdiana en España e as suas máis importantes zonas de orixe, contribuíndo á súa dinamización.
LI&LA, que significa acó&aló, foi promovido pola asociación para a Cooperación con Cabo Verde –ACCVE, e financiado con 83.000 € polo organismo africano CEDEAO, con fondos NEPAD procedentes de España. Nel participan cinco asociacións caboverdianas das localidades españolas citadas (entre elas, ACCVE, Asociación Cultural TABANKA e Asociación Cultural, Recreativa e Desportiva RABENTOLA, de Burela), tres entidades municipais caboverdianas, as duas maiores organizacións de mulleres do país africano e o organismo gubernamental encarregado da emigración.
Esta intervención promoverá actividades nos seguintes campos:
– Comunicación a través das novas tecnoloxías: abertura de puntos de acceso a internet, intercomunicados, en catro localidades de ambos países; creación dunha web e formación en novas tecnoloxías.
– Promoción de encontros entre áreas de orixe e destino, por unha banda, a través de visitas programadas de representantes municipais, organizacións de mulleres e institucións gobernamentais de Cabo Verde a España; e pola outra, cunha visita grupal de representantes das asociaciónns caboverdianas á terra de orixe.
– Promoción da incorporación das mulleres familiares dos/as emigrantes caboverdianos ás organizacións que promoven a igualdade de xénero e empoderamento das mulleres en Cabo Verde.
– Construción dunha rede de traballo e apoio mutuo entre as asociacións caboverdianas do estado español, cuxo punto de partida será un encontro das organizacións en Bembibre, para realizar un levantamento das problemáticas, necesidades e potencialidades destes colectivos, e iniciar un proceso de organización común, que implique ás institucións caboverdianas e españolas
Remitido