Son Andrés Lombardero Fernández e decidinme a escribir esta carta en resposta a unhas declaracións do Tenente Alcalde de A Pontenova aparecidas en prensa, por consideralas ofensivas, incorrectas e fora de lugar, con respecto a meu pai e á empresa da que son socio.
Esta carta é o resultado dunha longa reflexión (sospeito que ó contrario das declaracións do Tenente Alcalde) e da necesidade de aclarar e rebatir certas afirmacións para non caer no suposto de “quen cala, outorga”.
En primeiro lugar quero tocar o tema do ataque persoal cara a meu pai, Francisco Lombardero, que como profesional (xa retirado) é un 10 e, como persoa, outro tanto.
En canto ó tema profesional, no que se atacaba á nosa empresa, asumimos que faremos cousas que estén mellor e outras que estén un pouco peor dependendo de quen as mire, aínda que podo asegurar que NUNCA facemos nada mal adrede. Quero aproveitar para pedir desculpas ós veciños se algunha das nosas obras lles causou incomodidades (aínda que non temos noticias de ningunha queixa).
Os nosos traballadores son, tras moitos anos con nós, sobretodos amigos e considero un insulto que se insinúe que, dende a empresa, non se vela pola súa seguridade. Quero tamén confirmar que todos os traballadores da empresa estamos cubertos polos seguros correspondentes e que, por descontado, os impostos e as nóminas están abonados na súa totalidade (coma sempre e como debe ser).
Como información adicional gustaríame engadir que, como pequena empresa de A Pontenova, sempre que é posible facemos gasto neste pobo do que vivimos (comprando materiais, contratando profesionais doutros campos e, incluso, celebrando as cenas de empresa nos restaurantes locais) e que estamos ó día en todos os pagos.
A noticia á que fago referencia ó comezo desta carta sorprendeume moitísimo e reforzou a miña sensación de que non se pode crer todo o que se publica nos medios, por tratarse nalgúns casos de información subxectiva (e neste caso sospeito que condicionada máis pola diferencia de ideoloxías políticas que polo coñecemento dos feitos ou a razón) e é por isto que moitos preferimos poñer en dúbida a información publicada tempo atrás sobre as débedas do Concello de A Pontenova ascendendo a uns 600.000 euros. Non é posible que o noso Concello recade dos veciños e se sirva dos servizos que ofrecen as súas empresas e os seus negocios e despois non lles pague, ¿non sí?
Vou rematar xa esta longa carta tendéndolle a man ó noso Tenente Alcalde de que as desculpas que estou certo chegarán da súa parte serán aceptadas de bo grado (como xa o foron as do Sr. Alcalde), xa que estou certo de que terá argumentos políticos dabondo para rebatirlle ó meu pai sen ter a necesidade de recurrir a descualificacións persoais e profesionais que, por enriba, non se basan na realidade.
Por Yanes-Lombardero, S.L.
Andrés Lombardero Fernández.



















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



