O departamento que dirixe Agustín Hernández vén de adxudicar estas actuacións por máis de 1,8 millóns de euros
MEDIO AMBIENTE COMEZARÁ AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DO EMISARIO DA DEPURADORA DE SAN CIBRAO, EN CERVO, no próximo mes de xuño
A Xunta, mediante a construción deste emisario submarino, posibilitará a posta en servizo da estación depuradora deste núcleo lucense
O emisario proxectado parte da EDAR de San Cibrao e estará constituído por un primeiro treito terrestre en gabia e dous tramos submarinos, un principal e o treito de difusor final
Santiago, 17 de maio de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezará no vindeiro mes de xuño as obras de construción do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do núcleo de San Cibrao, no concello lucense de Cervo.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega un importe de máis de 1,8 millóns de euros para a execución destas infraestruturas hidráulicas. Cabe lembrar que a Xunta vén de adxudicar recentemente este proxecto á empresa Constructora San José S.A.
Dende Augas de Galicia explícase que en marzo do 2011 rematáronse as obras de mellora da rede de saneamento do núcleo de San Cibrao, que inclúen un tanque de retención no parque Raíña Sofía e a construción dunha EDAR para 8.000 habitantes equivalentes no polígono industrial de Cuíña. Non obstante, as obras non puideron poñerse en servizo, xa que a estación carece de emisario e punto de vertido, motivo polo que a Consellería de Medio Ambiente adxudica a construción desta infraestrutura.
A Xunta de Galicia comprométese a finalizar as obras necesarias que permitan o correcto funcionamento do novo sistema de saneamento coa mínima afección medioambiental posible. O emisario proxectado parte da EDAR de San Cibrao e estará constituído por un primeiro treito terrestre en gabia e dous tramos submarinos, un principal e o treito de difusor final.
O treito principal será executado mediante perforación dirixida, en tubo de 315 mm de diámetro e cunha lonxitude de 686 m. Esta parte comeza con trazado rectilíneo perpendicular á costa con pendente 24,93%, segue nunha curva (no plano vertical) de 600 m de radio e remata en recta con pendente do 1% ata acadar a rasante do tubo a cota -18,70 m. O tramo final de difusores será executado en gabia dragada no leito mariño.