VEIGA DENUNCIA QUE A CONSELLARÍA DE TRABALLO AUMENTA AS TAXAS DO SAF PARA DEPENDENTES NUN 200%
Os nacionalistas destacan o compromiso da Vicepresidencia da Deputación con Barreiros
O BNG constata un importante reforzamento da organización no Concello de Barreiros
Barreiros, 7 de maio de 2012. Unha delegación da Executiva Comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña mantivo na xornada de hoxe unha xuntanza coa Asemblea Local do BNG de Barreiros onde analizaron a situación política da localidade así como definiron o plano de traballo dos nacionalistas nesta localidade.
Segundo indicou, a Responsábel Local do BNG na localidade, Belén Fernández, “o BNG estase a reforzar dun xeito importante no plano organizativo na totalidade dos núcleos do Concello o que vai permitir dar resposta de xeito máis eficaz aos problemas dos veciños, nun momento que as políticas de axuste que están a aplicar desde as diferentes administracións poñen en risco servizos básicos no noso Concello. Neste sentido preocúpanos de xeito particular a situación na que vai ficar o servizo de axuda no fogar básico e a escola infantil que actualmente ten capacidade para 41 nenos e nenas e que ao ficar sen axuda económica da Xunta de Galiza só vai poder funcionar en base a unha suba das taxas dos usuarios moi importante. Outro tanto acontece co SAF básico do que actualmente son usuarios 31 persoas e que ocupa a sete traballadores e que coa normativa que aprobou recentemente a Xunta teñen o seu emprego no aire.”
A Portavoz dos Nacionalistas en Barreiros lamentou que “o gasto social non é unha preocupación para o Goberno Local do Concello, un Goberno abonado ao despilfarro que após recadar millóns de euros en licencias agora non é quen de facer fronte a cuestións básicas para os veciños. Non é de recibo que a día de hoxe o noso Concello despois de todos aqueles anos de vacas gordas non sexa agora capaz mesmamente de dar resposta aos problemas inmediatos. Non nos merecemos os veciños deste Concello un Goberno que non cumpre e que agora preséntanos un Plano de axuste de 2.300.000 Euros que vai ter vítimas, a maioría dos veciños e particularmente aqueles que menos teñen”.
Na mesma liña, o responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga denunciou “a decisión da Consellaría de Traballo e Benestar de converter o SAF para dependentes nun artigo de luxo do que ficaran excluídos un importantísimo número de cidadáns como consecuencia da suba de prezos públicos para este servizo. A Consellaría de Traballo e Benestar, no seu novo modelo de financiamento dos servizos sociais estabelece un novo réxime tarifario que significa un aumento para o usuario de máis do 200% do custe do servizo. Pénsese que até agora os usuarios pagaban o 25% do custe da prestación e agora xa desde as rendas básicas, de menos de 399 euros, este custe será do 74%”.
A Asemblea Local do BNG de Barreiros destacou “o compromiso co Concello da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que dirixe o noso compañeiro e veciño Antonio Veiga, que contrasta coa posición da Xunta e do Goberno do Estado, da que son exemplos claros a rehabilitacións das antigas escolas de Celeiro de Mariñaos, hoxe recuperado como un lugar para o disfrute dos veciños na súa condición de centro social, así como a achega económica que ten feito conforme aos orzamentos do exercicio pasado para a rehabilitación das Antigas Escolas de San Miguel e que significará un investimento de máis de 310.000 Euros”.