Foz, 27 de marzo, 2026. A Mariña Federación celebrou no salón de actos do Cenima de Foz unha mesa sectorial centrada na evolución do turismo na comarca e no seu impacto no comercio, na hostalaría e nos servizos locais. O encontro reuniu representantes institucionais, profesionais do sector e axentes económicos, que durante hora e media debateron sobre os retos e oportunidades dun territorio en plena transformación turística.
O turismo, motor económico en expansión
O deputado de Recursos Sostibles e alcalde de Foz, Francisco Cajoto, destacou o papel crecente do turismo como motor económico da Mariña Lucense. Subliñou o labor da Deputación de Lugo na mellora de infraestruturas, na conservación do patrimonio, na dinamización dos produtos locais e no apoio ao emprendemento, lembrando tamén a achega provincial de 25.000 euros á Mancomunidade para reforzar o xeodestino.
Cajoto incidiu en que a comarca experimentou “un cambio profundo” nos últimos quince ou vinte anos, pasando dun modelo moi estacional a outro no que o turismo funciona como un sistema económico máis amplo e sostido ao longo do ano. Engadiu que este sector “é un polo de atracción para quedarse a vivir na Mariña”, e apelou á profesionalización dos recursos, á aposta polo Camiño do Mar e pola Ruta Pardo de Cela, e á necesidade de xestionar adecuadamente o fenómeno das autocaravanas.
Datos que avalan o crecemento
A xefa de área de Turismo de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez, destacou que a Mariña está próxima a alcanzar os 200.000 visitantes anuais. No 2025 rexistráronse 190.438 viaxeiros, un 1% máis que o ano anterior, e máis de 384.900 pernoitas, cun incremento do 4,7%. Estes datos, afirmou, “confirman o potencial dun territorio que aposta polo turismo de experiencias e fuxe da masificación”.
A Xunta colabora coa Mancomunidade na xestión do xeodestino, financiando accións de promoción turística desestacionalizada e apoiando o Plan de Sostibilidade Turística da Mariña, dotado con 1 millón de euros.
A visión do sector: oportunidades e desafíos
A mesa contou tamén coa participación de Tania Hermida, xerente da Mancomunidade; Carmen Cruzado, presidenta de A Mariña Federación; e representantes do tecido económico da comarca.
Entre os datos expostos, salientouse que a Mariña conta con máis de 3.000 aloxamentos de todo tipo, que suman arredor de 23.000 prazas. José Manuel Villapol, de Finca Goleta, advertiu de que, malia ocupar o segundo posto en Galicia en número de prazas, “o gasto diario por persoa é mellorable”, e alertou do risco de saturación en momentos puntuais: “temos que saber moi ben cara onde queremos ir”.
Desde Acia Foz-CCA, o seu presidente, José Carlos Paleo, apostou pola dinamización das vilas durante todo o ano mediante eventos deportivos e culturais que xeren movemento tamén na tempada baixa.
Carmen Delia Díaz, de La Guiateca, puxo o foco na importancia do Camiño de Santiago, do Camiño do Mar e doutras rutas que permiten distribuír os visitantes por toda a comarca. Tamén apelou a ter en conta os nómadas dixitais e o turismo rexenerativo, e reclamou melloras no transporte —tren e autobús— e medidas contra o intrusismo nos aloxamentos e nos free tours.
Novas actividades e retos ambientais
O sector destacou a aparición de numerosas actividades ao aire libre froito da desestacionalización: escolas de surf, rutas, visitas guiadas, experiencias artesanais, a Tirolina da Pontenova ou o Labirinto de Rinlo. Antón Rodríguez, de Sensación Surf, explicou que traballan practicamente todo o ano e alertou da presenza cada vez máis frecuente da carabela portuguesa, pedindo apoio institucional para a súa retirada e evitar o peche de praias.
Jorge López, de O Forno de Tovar, sinalou que “o turismo mellorou moito nos últimos anos” e que as pontes, festivos e fins de semana de bo tempo atraen visitantes de Lugo e doutras zonas de Galicia, polo que é necesario “facer as cousas ben todo o ano”.
Conclusión: un sector en crecemento que demanda coordinación
Todos os participantes coincidiron en destacar o bo momento que vive o turismo na Mariña, cada vez máis desestacionalizado e presente nos municipios desde Semana Santa ata o Pilar. Apostaron por seguir mellorando, por reforzar a coordinación institucional e por avanzar nun modelo sostible e profesionalizado.
A presidenta de A Mariña Federación, Carmen Cruzado, agradeceu a participación e definiu o foro como “un punto de encontro e reflexión para dar voz ás preocupacións e necesidades dos sectores representados”.





















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



