Cervo, 27 de marzo do 2026. O Concello de Cervo presenta unha ampla e diversa programación con motivo da Semana Santa, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 6 de abril, co obxectivo de dinamizar a vida social e cultural do municipio, contando coa imprescindible colaboración das asociacións locais.
A programación arrinca este sábado, coa X Foliada Nordestía en San Cibrao, organizada pola Asociación A Rebolaxe, coa colaboración do Concello, que contará coas actuacións xa entrada a noitiña de Os Carecos, Clan Maragato e Lamatumbá en San Ciprián. Ademais haberá animación musical durante todo o día, Cantos de Taberna, diversos obradoiros e un xantar popular que terá lugar na Praza dos Campos.
No ámbito cultural, destaca a representación teatral “Aire Fresco”, este domingo no Local Social de Lieiro, ás 19:00 horas, a cargo do Grupo de Teatro Ardora, organizada pola Asociación Veciños Nosa Señora de Lieiro; así como a inauguración da exposición “Baleas a flote: arte en madeira e mar” , obra de Francisco Martínez-Pin, que inclúe tamén un taller didáctico para a rapazada de Cervo Concilia. Será o mércores, 1 de abril, ás 13:30 horas, na Casa da Cultura. Non é só unha mostra artística, senón o inicio dun itinerario simbólico e histórico que percorrerá os antigos portos baleeiros do Cantábrico. A obra pretende contribuír á concienciación urxente sobre a necesidade de protexer a Natureza e o medio mariño. Reconstruíndo a nobreza dos xigantes do mar a través de materiais recuperados.
Tamén haberá o programa Cervo Concilia para axudar á familia durante as vacacións escolares, os días 30 e 31 de marzo, e 1 e 6 de abril na Casa do Mar, complementándose con actividades infantís na Praza dos Campos.
A mocidade tamén terá o seu protagonismo co guateque e bingo organizado polo alumnado de 1º e 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar na Casa do Mar o martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas.
Xa o mércores, 1 de abril, terá lugar o III Festival do Guioncho, impulsado pola Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, coa colaboración municipal, consolidándose como unha cita de referencia dentro da oferta festiva local e que contará coas actuacións de El Combo Dominicano, a xira WAYKAS Survivor Tour da orquestra Waykas, e DJ Pablo Conxuro.
No eido deportivo e de lecer, destaca o alugueiro de bicicletas eléctricas en Cervo, na Praza do Souto, o 1 e o 3 de abril, en colaboración con Airiños do Xunco, e na Casa da Cultura, en San Ciprián, o 4 e o 5 de abril; así como a III Ruta Cabalar organizada pola Asociación Cabaleiros da Bidueira, en colaoboración co Concello, que terá lugar o domingo 5 de abril coa saída prevista ás 10:00 horas, do polideportivo de San Román.
As tradicións e a convivencia interxeracional estarán moi presentes coa celebración da IV Gran Festa das Xeracións, organizada por A Fume de Carozo en colaboración coa administración local prevista para o sábado 4 de abril desde o mediodía, na Praza dos Campos; e coa Pascua de Trasbar, promovida pola Asociación Burgo de Trasbar para o día 5 de abril.
Desde o Concello de Cervo quérese poñer en valor o compromiso e o traballo das asociacións locais, fundamentais para facer posible unha programación variada, participativa e pensada para todos os públicos.
O Concello anima a veciñanza e visitantes a participar activamente nas distintas actividades programadas e a desfrutar dunha Semana Santa chea de cultura, tradición e lecer.























A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano. 



