MOITAS MÁIS VITAMINAS PARA O GALEGO
O idioma galego chegará aos 5 continentes da mán da campaña “Vitaminas 17” que este mediodia se presentou na Casa do Concello de Lugo. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Antón Bao suliñou a importancia de promover o idioma galego como “elemento de cultura, comunicación, tolerancia e respeito”. Segundo Henrique Sanfiz (Radiofusión), “os lapis pretenden ser unha chiscadela de humor e ironía para propiciar a reflexión arredor da utilización da nosa lingua”. Alfonso Ribeiro (De luns a venres) indicou que segundo os dados do EXM, o 40% dos seus leitores teñen como primeira lingua o castelán, o que demostra “que a utilización do idioma galego non é en absoluto un obstáculo para chegar a todo tipo de públicos”.
Segundo indicaron os organizadores, “nestes momentos xa se sumaron á Vitaminas para o galego 29 medios de comunicación, o que é unha proba da receptividade da sociedade diante desta iniciativa”.
Vitaminas 17
Para conmemorar o Dia das Letras, o 17 de maio, os medios de comunicación de Vitaminas, organizan unha actividade expansiva “facendo fincapé na necesidade de medios en galego para prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeneracional”. Teñen elaborado un manifesto nese sentido que se pode consultar na web vitaminasparaogalego.gl e pretenden que o dia 16 de maio se dea leitura ao manifesto en, ao menos, 17 escolas e institutos de Galicia, diante de 17 Casas dos Concellos, en 17 cidades de todo o mundo e que se traduza o manifesto ás 17 linguas máis faladas. Queren que todas esas leituras se graven en video e se envien ao enderezo manifesto@vitaminasparaogalego.gl
Festival en Carballo
A iniciativa presentouse esta mañá en Lugo e rematará o dia 16 co festival “Vitaminas para o galego”, organizado polo Concello de Carballo e que presentará a actriz e escritora Paula Carballeira contando coa actuación de María Xosé Silvar “Ses” e coa entrega do Premio de Artigos Normalizadores que este ano recaeu en Carlos Callón. Un representante de Vitaminas para o galego e máis o alcalde de Carballo Evencio Ferrero, darán leitura no acto