GONZÁLEZ BARCIA ASEGURA QUE A FLOTA DE BURELA O QUE QUERE É PESCAR, “UNHA DEMANDA LÓXICA PARA MANTER AS EMPRESAS E O EMPREGO”. ESTA TARDE CONCLÚEN AS XIX XORNADAS TÉCNICAS EXPOMAR 2012 E A MEDIODÍA REMATOU O XIII ENCONTRO EMPRESARIAL DE ORGANIZACIÓNS PESQUEIRAS.
Burela, 11 de maio de 2012. A mediodía concluía na sala de xuntas de Absa o XIII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras coa presentación das conclusións que se resumen nunha frase: rendimento económico mínimo sostible. A ese acto asistía o alcalde e presidente da Fundación Expomar, José María González Barcia, ao igual que á clausura esta tarde, no salón de actos da confraría de pescadores, das XIX Xornadas Técnicas.
Barcia indicou que “a flota o que quere é pescar. É unha demanda lóxica do sector, que quere faenar para xenerar riqueza e postos de traballo. Trátase, polo tanto, de manter as empresas, de manter os barcos, para manter o emprego”.
O rexedor e presidente da Fundación Expomar agarda e confía en que “as administracións estatal e autonómica sexan sensibles coas demandas do sector e espero un xiro da política comunitaria pesqueira”.
José María González Barcia agradeceu a participación nestes eventos das administracións, dos técnicos e do sector, que durante dous días analizaron a problemática que lle afecta ao mundo do mar e as posibles solucións a levar adiante.