O goberno local lamenta que o PSOE se poña en evidencia diante dos veciños ao criticar uns orzamentos que non entende
Cervo, 21 de xullo de 2012-O goberno local respondeu hoxe ás críticas do grupo municipal socialista ao redor dos orzamentos deste ano. “As afirmacións do PSOE sobre as contas só demostran o seu absoluto descoñecemento en materia económica e financeira e a súa falta de dominio das cifras e dos conceptos” asegura a edil de Facenda, Tania González. Deste xeito, o PSOE cervense “ponse en evidencia e demostra que nin lle interesan os orzamentos nin ten intención de entendelos”.
A responsable de Facenda considera que “non hai nada máis ridículo que falar sen saber”, algo que para González “é unha práctica habitual dos socialistas, que critican unhas contas “que destinan 1,6 millóns de euros a investimentos en servizos sociais e educación, dous piares básicos da sociedade de benestar e polos que o executivo local segue apostando como liñas básicas de goberno”. Así, “se aprenden a botar contas, os socialistas descubrirán que os investimentos en servizos sociais e en educación representan o 25% do gasto total”.
Porén González pensa que quizais os socialistas se confundiron de orzamentos, e analizaron os da Deputación. “Nese caso temos que darlles a razón; as contas do goberno provincial están baleiras, e a vicepresidenta Lara Méndez non conseguiu nin un só euro en investimentos para Cervo, máis ben temos que agradecerlle que o orzamento teña unha partida de 20.000 euros destinada a pagar a primeira multa que unha Deputación lle impón a un Concello”.
En relación ás declaracións sobre as axudas ás asociacións, a edil asegura que “o Concello colabora con todas as entidades do municipio, tal e como saben as propias directivas das asociacións”. Para González, “son os socialistas os únicos que non se deron conta de que o partidismo á hora de conceder axudas rematou no ano 99, cando o PSOE saíu do goberno de Cervo”.