ALFONSO FUENTE ASEGURA ESTAR MOI BEN DE VISTA E DE OLFATO. O REXEDOR QUERE ZANXAR A POLÉMICA “SEN BASE E FUNDAMENTO” DESENCADEADA ESTES DÍAS COA PRAIA DE AREALONGA. PARA O ALCALDE TRÁTASE DUNHA RABIETA DOS NACIONALISTAS.
Barreiros, 9 de agosto de 2012. O alcalde, Alfonso Fuente, asegura estar moi ben de vista e de olfato. O rexedor agradécelle ao BNG que se preocupe pola súa saúde, e quere así zanxar a polémica “sen base e fundamento” desencadeada estes días coa praia de Arealonga. Para Fuente Parga trátase dunha rabieta dos nacionalistas. O alcalde insiste en que con esta liña de actuación están a perxudicar seriamente ao turismo.
Fuente Parga dixo que “cando non hai argumentos o que se utiliza son as acusacións persoais, incluso dicindo que teño problemas de saúde, de olfato e de vista. Agrádame que se preocupen da miña saúde, non teño ningún problema, pero cando faga o vindeiro recoñecemento médico xa lles enviarei unha copia para que estean tranquilos”.
O alcalde barreirense sinalou que “eu sí que visito a praia e ando a praia, nunca coincidín con eles, pero cada un adica o seu tempo libre ao que quere. Cando dicimos que non hai problemas de salubridade na praia é porque o avalamos coas análises que se fan periódicamente na praia e que son os que serven e os que nos esixe bandeira azul para seguir mantendo este galardón. Non corre risco a bandeira azul da praia de Arealonga por motivo de salubridade e os informes están a disposición de todos os usuarios dos areais nos paneis de bandeira azul colocados en todas as praias. A calidade da auga é excelente, pero cando non se poden rebatir estes datos máis que con acusacións isto é o que ven facendo o BNG”.
Alfonso Fuente insiste en que “todo isto lle fai moito dano ás nosas empresas, aos nosos hostaleiros, aos nosos visitantes, á xente que alquila as casas, crear unha imaxe mala para danar ao equipo de goberno…é verdade que a todos nos gustaría que houbese máis socorristas, é verdade que todos desexaríamos que houbese limpeza de praias, pero se está a facer e hai un grande esforzo por parte da xente que o está a facer dentros dos medios que temos para que estea en boas condicións de uso e o están a conseguir”.
Para o rexedor “é unha liña do BNG a de atacar todo o que se fai en Barreiros, xa o fixeron co urbanismo e agora lamentámonos de que haxa moita xente no paro e que non ten traballo e si a hostalería ten problemas no noso concello tamén terá que despedir á xente que alí traballa. Esta liña non é acertada. Agradézolles que se preocupen da miña saúde, insístolles en que estou ben de olfato e de vista. Quero pechar xa esta polémica que non ten base e fundamento algún, trátase dunha rabieta e xa está. Non hai ningún problema”.