GONZÁLEZ BARCIA ASEGURA QUE OS GASTOS EN COMIDAS E VIAXES DO EQUIPO DE GOBERNO ESTÁN PERFECTAMENTE XUSTIFICADOS E DOCUMENTADOS. O ALCALDE DI QUE NON PODEN DAR LECCIÓNS DE AUSTERIDADE OS QUE PERMITIRON QUE CON CARGO AO CONCELLO SE GASTASEN 85.000 EUROS NAS FESTAS PATRONAIS DO 2011.
Burela, 24 de agosto de 2012. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, asegura que os gastos en comidas e viaxes do equipo de goberno están perfectamente xustificados e documentados e que non hai nada que ocultar. Deste xeito sae ao paso das acusacións vertidas nas últimas desde o PSOE. O rexedor subliña que a comida das festas patronais ten carácter institucional e que realizou no mesmo restaurante que a do ano pasado e co mesmo prezo por menú que o ofrecido polo bipartito no 2011.
O alcalde burelés quere aclarar as cousas ante os cidadáns do concello, “calquera equipo de goberno que se precie ten que facer xestións ante as distintas administracións e ten que atender ás visitas que se fan ao concello por parte de representantes de administracións ou institucións, aí se orixinan gastos en comidas, e as viaxes que o equipo de goberno ten que facer para poder falar coas distintas administracións e xestionar cousas para o Concello”.
González Barcia lembrou que “as dedicacións exclusivas que ten o noso equipo de goberno supoñen 102 semanais de traballo, a razón de 37,5 horas á semana por cada dedicación. As horas de traballo do PSOE con dúas dedicacións exclusivas e media era de 85. Como se ve hai unha diferencia substancial, como tamén a hai co que cobramos, nós cobramos 9.000 euros brutos menos ao ano do que eles cobraban, aínda que nós facemos máis horas de traballo á semana. Decir que nós cobramos máis ca eles é falso”.
O rexedor aludiu á comida das festas patronais e resúltalle “un pouco chocante que o PSOE critique o mesmo que estaban a facer eles. Quero lembrar que a comida das festas se segue a facer no mesmo restaurante que cando estaban eles, e segue a ser o mesmo prezo por menú que tiña cando estaban eles. A comida das festas é unha comida institucional, tal e como ocorre naqueles concellos onde hai actos similares aos nosos. É unha comida á que se invita aos representantes das diferentes administracións que poidan asistir á procesión e na que participa Absa, a confraría de pescadores, etc”. José Mª González Barcia puntualiza que “esta comida se ven facendo desde que Burela pertencía a Cervo e continuou durante todos estes anos. Sorpréndeme que critiquen esta cuestión”.
Atencións protocolarias
O alcalde engadiu que “nesa relación de comidas ás que eles aluden aparecen tamén atencións protocolarias a membros da administración do Estado, da administración autonómica, de visitas que teñen efectuado en distintos momentos a Burela, por exemplo a presencia en Burela do director xeral de Marina Mercante para visitar as obras de Capitanía, a presencia en Burela de forzas e corpos de seguridade do Estado, a presencia en Burela de certos conselleiros. Cando algún cargo institucional ven de visita a Burela e ven a aportar algo ao Concello de Burela é de ben nacidos ser agradecidos”.
Sobre as viaxes, outro dos asuntos aos que se referían os socialistas nas últimas horas, González Barcia dixo que “o señor Llano cobrou 2.000 euros en seis meses no 2011 non sabemos por qué, pero están aí. Agora sorpréndese porque o PP nun ano fai viaxes, e é que a partires de que eles sairon do Concello houbo que facer xuntanzas en Lugo polo PXOM, polo mesmo motivo houbo que viaxar á Coruña e a Santiago de Compostela, houbo que ir incluso a Madrid, tanto polo PXOM como pola urbanización de Torrentes. Non pretenderá o señor Llano nin o PSOE que o pague cada concelleiro do seu bolsillo, pero é que eso tamén ten ocurrido eso. Eu lembro unha viaxe privada miña a Madrid na que aproveitei para facer dúas xestións vinculadas co Concello de Burela e non lle pasei nin un só euro de gasto ao Concello”. Cre o alcalde que “estes señores teñen que ser un pouco máis éticos e un pouco máis dignos, porque o señor Llano ten pasado facturas de consumicións de viños ao Concello, e eso nós non o facemos porque os viños pagámolos nós”.
O rexedor burelés manifestou que “mentras estivemos na oposición absolutamente nunca criticamos nin os gastos en comidas nin en viaxes porque entendemos que un Concello que se precie ten que facer xestión e ten que moverse, porque senon o fai así non se trae nada e nunca a niguén lle viñeron traer nada á casa. As hemerotecas están aí, falta a primeira crítica do PP ao bipartito e aos gastos de comidas, dietas e desprazamentos que tivesen os membros do seu equipo de goberno, porque entendemos que eso forma parte substancial do que é o traballo dos membros do equipo de goberno”.
Para González Barcia “os socialistas están no seu dereito de criticar o que consideren, pero cómo nos van dar exemplos de austeridade persoas que permitiron que o ano pasado se gastasen con cargo ao Concello a friolera de 85.000 euros das festas patronais. Ademáis no ano 2010 contaron cunha partida de 600.000 euros para gastos diversos de difícil xustificación. Esas persoas non nos poden dar leccións de nada, e desde o Grupo Municipal Popular non pretendemos dar leccións, pero as facturas están todas xustificadas, tanto as das comidas coma as dos desprazamentos. Nestas últimas aparece claramente o motivo do desprazamento, con quen se reúne, os kilómetros realizados… nós non temos nada que ocultar. Ao PSOE só lle decimos que si a súa labor de oposición se vai reducir a esto van por mal camiño, porque xa se verán as xestións e os resultados desas viaxes e desas comidas que eles tanto critican e que eles tamén tanto facían, eles tamén viaxaban e eles tamén comían”.
Concluiu o alcalde sinalando que “xa que falan, xa veremos a ver qué caro lle sae ao Concello a xestión do bipartito en canto a sentencias xudiciais e outras cuestións aínda non aclaradas por eles”.