GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE VIVEIRO
O portavoz municipal do BNG e Tenente Alcalde de Viveiro, Bernardo Fraga, expresou este xoves que “polo que ao BNG corresponde, a nosa vontade dentro do Goberno Municipal é aboar a paga extra aos empregados públicos deste Concello”
Adoptamos esta posición xa que a decisión do Goberno Rajoy de suprimila é non só inxusta socialmente, senón que tamén é “inútil para superar a crise”.
O BNG de Viveiro considera que eliminar a paga extra vai en contra dos intereses das PEMES e do Comercio Local de Viveiro. Fraga salientou no día de hoxe “Eliminar a paga extra é unha medida profundamente equivocada, agravará aínda máis a crise. Reducir o poder de compra dos empregados públicos afectará moi negativamente ás pequenas e medianas empresas, así como ao tecido económico do noso Concello, principalmente ao pequeno comercio”
No contexto social actual, coa inminente suba do IVE, a liberalización dos horarios comerciais e das rebaixas, é un golpe directo ao pequeno e mediano comercio, e ao sector turístico e comercial do noso Concello. Fai preciso aínda máis a adopción de políticas claras de insumisión fronte ás políticas inxustas, inmorais e inutiles do PP.
O BNG de Viveiro, presentará no rexistro do Concello na mañá do venres, unha moción na para instar á Corporación Municipal, a impedir a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos afectados polo decreto 20/2012.
MOCIÓN PARA IMPEDIR A PERDA DO PODER ADQUISITIVO DAS EMPREGADAS E EMPREGADOS PÚBLICOS AFECTADOS POLO DECRETO 20/2012
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
As decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica están a provocar un agravamento da crise económica. A obsesión por dar unha prioridade absoluta á contención do gasto público, seguindo sen matices os ditados emanados polo FMI, o BCE ou a UE, cada vez máis pregados aos intereses do capital financeiro transnacional, ocasionan tanto unha continua perda de empregos como un empeoramento das condicións de vida das persoas que manteñen o seu emprego.
Até o de agora, o “programa de reformas” executado polo PP só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. Ningún sector económico é alleo nestes momentos á crise, porén tampouco se están a elaborar estratexias para reactivar o pulso económico nos mesmos.
A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. Esa teima amosa como este Goberno está a empregar a crise máis como un pretexto para avanzar no modelo de sociedade cada vez máis desigual que abandeira a doutrina neoliberal, cunha maior desprotección para as persoas máis desfavorecidas, e ao tempo cun reforzamento de privilexios para minoritarias elites sociais. O propio Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU vén de afirmar, respecto do Estado español, que “as medidas de austeridade están prexudicando de forma desproporcionada os grupos desfavorecidos”, asegurando ademais que os axustes están a destruír o estado do benestar e provocando un aumento considerábel do número de persoas en risco de pobreza.
O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas.
A aprobación de dita norma realizouse dun xeito impropio á relevancia do seu contido. Apenas unhas semanas após de terse publicado os orzamentos xerais do Estado, e cando a maior parte das administracións públicas xa afrontan os obxectivos e a planificación do exercicio seguinte, o presidente do Goberno do Estado anunciou as medidas, sen diálogo nin consenso previo, que son aprobadas só dous días despois, sen que tampouco as persoas, entidades representativas e mesmo administracións implicadas na súa execución poidan participar en dito proceso.
Unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan politicamente, polo que supoñen de atacar de novo dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado.
A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2011 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.
No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico deste concello.
Por iso, ante o escenario deseñado polo Goberno do Estado, inútil e errático á hora de recuperar e impulsar a economía como todos os indicadores económicos demostran, ineficaz para asegurar financiamento público e privado dadas as persistentes restricións no crédito, e pertinaz en aplicar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais das maiorías sociais, é preciso adoptar un posicionamento político unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos.
Por iso, pídeselle do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía e a Xunta de Goberno Local a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.



















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



