UNHAS 10.500 PERSOAS PASARON POR RIBADEO E POLA PRAIA DAS CATEDRAIS NA ÚLTIMA SEMANA, SEGUNDO OS DATOS QUE HOXE DABA A COÑECER O ALCALDE. SUÁREZ ADVIRTE QUE, DIANTE DA PASIVIDADE DE XUNTA E ESTADO, O CONCELLO PREPARARÁ UNHA REGULACIÓN DO ACCESO A ESTE AREAL CO OBXECTIVO DE POÑELA EN MARCHA O VINDEIRO VERÁN.
Ribadeo, 20 de agosto de 2012. Arredor de 10.500 persoas pasaron por Ribadeo e pola praia das Catedrais na última semana, do 13 ao 19 de agosto, segundo os datos que daba a coñecer esta mañá o alcalde. Fernando Suárez segue reclamando un plan de xestión do areal e a implicación de Xunta e do goberno do Estado, e advirte que de non ser así o Concello preparará unha regulación do acceso ás Catedrais co obxectivo de poñela en marcha o vindeiro verán.
Suárez Barcia sinalou que “dicir a estas alturas que Ribadeo é un concello turístico xa non é sorprender a ninguén, pero cando un ve os datos de xente que acude ao punto de información turística das Catedrais e á oficina de turismo de Ribadeo queda abraiado da cantidade de xente de todo o estado que se achega ata aquí, de Europa e de parte do mundo… que veñen á vila, ás parroquias e á xoia da coroa que temos, e esquecida por outras administracións, que é a praia das Catedrais”.
O rexedor subliñou que “soamente a semana pasada, do 13 ao 19 de agosto, pasaron pola oficina de turismo de Ribadeo 3.500 persoas. E ao punto de información das Catedrais acudiron 7.000 persoas (mil ao día). Os visitantes proceden de Asturias, Euskadi e Madrid, na súa maioría, e cada vez é mais forte a presenza de persoas francesas, italianas, inglesas e alemanas. Na primeira quincena de agosto pasaron só pola oficina de turismo de Ribadeo arredor de 6.000 persoas, o que supón prácticamente o 100% dos viaxeiros que viñeron aquí en xullo”.
O alcalde relatou que “os hoteis rondan o completo nesta tempada na que nos atopamos. Ás veces se fai complicado encher todas as prazas de hoteis e hostais, pero aínda que hai crise e se nota, a pesares de todo iso Ribadeo, como se di agora, está petado estes días”.
Sobre a praia das Catedrais Fernando Suárez dixo que “aínda que a Xunta nos exclúa do seu Top ten turístico pódese contrastar coas páxinas nos xornais e coas reportaxes de televisión que saen a menudo sobre este areal. Onte, por exemplo, en Cuatro nun programa informativo saía unha reportaxe importante sobre a praia das Catedrais e estes días o diario económico Expansión situaba ás Catedrais coma unha das catro maravillas da natureza. Aínda que a Xunta nos exclúa das súas campañas turísticas, aínda que Xunta e Estado non poñan un céntimo neste plan de uso e xestión que estamos a demandar desde Ribadeo para poder regularizar un pouco esta marea humana de xente que se achega a ese areal, e que por máis que Concello faga esforzos de limpeza, de seguridade, de vixianza, de buscar aparcamentos en precaria duante a época estival, de dotala de información turística durante a tempada estival, a pesares de todo o que facemos hai unha marea humana tal que empezamos a ter medo porque se destrague o patrimonio natual que tanto tempo e tantos séculos a forza do mar e do vento tardou en labrar”.
Para o alcalde de Ribadeo “todo ten un límite e si realmente nin a Xunta nin o Estado moven ficha e coordinan co Concello actividades para manter un control advirto, que como dixen hai uns días, que tomaremos como di o poema de Rosalía de Castro a xustiza pola man e desde o Concello iniciaremos unha regulación que incluso poida superar o réxime municipal para controlar o acceso a esa praia, para que siga a ser unha fonte de riqueza económica para Ribadeo e para a comarca, pero que non se chegue a estropear tal e como está a dar mostras sistemáticamente o colapso de coches e usuarios que se rexistra a diario”.
Fernando Suárez engade que “hai veces que máis que un monumento natural As Catedrais parece a romaría de Fátima, e iso non o podemos tolerar. Co Estado e coa Xunta ou sen Estado e sen Xunta no inverno tomaremos as medidas e as normativas oportunas para que o vindeiro verán isto funcione doutro xeito. De non ser así ímonos cargar a galiña dos ovos de ouro, e diante da pasividade do Estado e da Xunta, que só utilizan esta praia como cartel e referente das súas políticas de turismo, e logo non teñen un céntimo e non están dispostos a colaborar co Concello para facer un plan de uso e xestión conxunta que permita que disfrutemos mil anos máis desta praia das Catedrais”.























O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



