Deputación, USC, Caixa Rural Galega e CEL renovan o convenio de 59.500 euros para actividades de investigación
– A Deputación mantén a súa achega con 9.500 euros e Caixa Rural increméntaa ata os 50.000, tras asumir a dotación económica que, anteriormente, concedía a CEL
– Este investimento servirá para que o Campus de Lugo poña en marcha proxectos de innovación tecnolóxica para os que a USC asume o persoal, locais, materias e gastos correntes. A CEL difundirá os seus resultados e buscará socios empresariais
– Todos os participantes no acto subliñaron o “esforzo” realizado para manter este acordo dende 1995 e logo de que a Xunta recortase nun 40% os fondos para investigación no Campus lugués dende o ano 2009
Lugo, martes 4 de setembro de 2012.- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Reitor da USC, Juan Casares, o Presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero, e o Conselleiro Executivo da CEL, Jesús Quintá García, asinaron este martes, no salón de actos do Pazo de San Marcos, o convenio de colaboración entre ditas institucións para o impulso de actividades de innovación e investigación no Campús lugués, que contribúan ó desenvolvemento académico, económico e social.
Trátase dunha iniciativa que se renova dende 1995. Conta con 59.500 euros, financiados por Deputación, institución que mantén a súa dotación económica con 9.500 euros, e por Caixa Rural, entidade que, este ano, incrementa a súa achega ata os 50.000 euros logo de asumir os 5.000 euros que, anteriormente, concedía a CEL.
Este investimento servirá para que o Campus de Lugo poña en marcha proxectos relacionados, principalmente, coa investigación tecnolóxica. Para elo, a USC asume a dotación de persoal, locais, materiais e gastos correntes. Pola súa banda, a CEL contribúe, difundindo os resultados dos estudos, é dicir, dando conta da nova oferta tecnolóxica ós seus asociados. Ademais, tamén colaborará na busca de socios empresariais de cara a facilitar o desenvolvemento dos proxectos de investigación.
Unha comisión de seguimento, composta por representantes de todas as entidades asinantes, velará, como nos anos anteriores, polo cumprimento das previsións que se recollen no convenio. É salientable o feito de que froito deste acordo, Deputación, USC, Caixa Rural e CEL potenciaron a creación do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica (CITT) de Lugo. Esta unidade encárgase, dende entón, do desenvolvemento das liñas de acción deste convenio.
Esforzo fronte ós recortes
Segundo datos oficiais, nos últimos tres anos, a Xunta recortou os fondos para investigación no Campus de Lugo nun 40%, pasando dos 7,5 millóns de euros no 2009 ós 4 millóns no 2011. Por este motivo, todos os participantes ó acto subliñaron o esforzo dos organismo colaboradores para manter este convenio. O Reitor destacou que “dende a constitución do Campus de Lugo sempre estivo presente o compromiso das institucións lucenses por mellorar, divulgar e crear unha clase media formada e educada que, hoxe máis que nunca, necesita de recursos para garantir o desenvolmento social”.
Mentres, o Presidente da Deputación remarcou que “todas as administracións temos menos recursos polo que debemos saber priorizalos para manter iniciativas coma este convenio xa que o compromiso dos que ocupamos institucións debe ser a loita pola igualdade de oportunidades. Nós estamos ó caron da Comunidade Educativa non só mediante este acordo, senón tamén coas 150 bolsas de emprego para mozos que puxemos en marcha no último ano, coas expropiacións que estamos a realizar para a ampliación do Campus de Lugo, coa construción da nova sede da UNED na capital ou mantendo a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son”.






















En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



