O Concello organiza unha reunión cun técnico de Consumo para informar e asesorar aos afectados polos erros nas facturas da luz
-As persoas interesadas en acudir poden chamar a Secretaría de Alcaldía para dar os seus datos e, unha vez confirmado o día e a hora da reunión, prevista para a semana que vén, serán informados telefonicamente da data exacta
-Os datos achegados polos afectados tamén se utilizarán para ofrecer axuda personalizada e un seguimento para cada caso
Cervo, 14 de setembro de 2012-O Concello anuncia que a semana que vén ofrecerá unha reunión dirixida a informar e asesorar ás persoas afectadas polos erros na lectura dos contadores da luz que se están producindo en varios fogares cervenses. Un técnico de Consumo, especialista na materia, será o encargado de achegar información sobre os dereitos dos consumidores e sobre o procedemento a seguir para tramitar as reclamacións. Ao mesmo tempo, esta xuntanza ten unha orientación de asesoramento e resolución de dúbidas, polo que os asistentes poderán realizar todas as preguntas que desexen “para saír da reunión con toda a información necesaria e coas dúbidas aclaradas” explica a edil de Facenda, Tania González.
Todas as persoas que queiran acudir a esta xuntanza poden chamar á Secretaría de Alcaldía para dar os seus datos e así, unha vez confirmada a hora e o día, serán informados telefonicamente. Ademais de recoller o nome e o teléfono para avisar a cada persoa da data exacta do encontro, o departamento de Secretaría tamén fará un rexistro dos datos de cada afectado co obxectivo de prestar unha atención personalizada e facer un seguimento da evolución de cada caso.
A semana pasada entraba no Rexistro do Concello un informe facilitado por unha das afectadas que se comprometera a recompilar datos sobre a situación. Unha vez recibidos os datos agardados, o goberno local analizou o informe e barallou as iniciativas que se podían poñer en marcha para apoiar á veciñanza afectada. “Queriamos que foran accións útiles, que de verdade axudaran aos cervenses, por unha banda achegando información e resolvendo dúbidas e por outra ofrecendo os nosos recursos para garantir un tratamento personalizado a cada caso” manifesta a edil de Facenda “e pensamos que con estas iniciativas cumpriranse ambos obxectivos”.