O CONCELLO E ECOVIDRIO PROMOVEN A RECICLAXE DE VIDRO NO SECTOR HOSTALEIRO DE BURELA. NA PRIMEIRA FASE DA CAMPAÑA PRESENTADA HOXE PARTICIPAN 25 LOCAIS, QUE CONTARÁN CON CUBOS ESPECIAIS PARA DEPOSITAR OS RESIDUOS ALMACENADOS NOS 10 COLECTORES INSTALADOS NA VILA.
Burela, 17 de outubro de 2012. Concello de Burela e Ecovidrio promoven a reciclaxe de vidro no sector hostaleiro da vila. Na primeira fase da campaña presentada esta mañá participan 25 locais. A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, dixo que o obxectivo é facilitar a recollida e a reciclaxe do vidro nos establecementos hostaleiros da localidade e concienciar un pouco máis á cidadanía. En Burela recicláronse no 2011 un total de 135.000 quilos de vidro, o que supón unha media de 14 quilos por persoa.
Na presentación da campaña que tivo lugar esta mañá no Concello a edil popular dixo que “hoxe presentamos en Burela o novo sistema de recollida de envases de vidro para os locais de hostalería e tamén hoxe xa comezaron a colocarse os dez colectores novos de vidro, que teñen una boca máis ancha e un sistema de elevación hidráulica para facilitar o vaciado do cubos cos que contan os establecementos hostaleiros participantes. E tamén se empezaron a repartir entre os hostaleiros incluídos nesta campaña 25 cubos de grande capacidade con rodas e que están adaptados para facilitar a reciclaxe do vidro”.
López Eijo lembrou que “esta campaña iniciouse xa hai un par de meses cunha primeira fase, a partir da cal se fixo un traballo de campo no que se realizaron unhas enquisas que levou a cabo a técnica de medio ambiente do Concello aproximadamente a 30 establecementos de hostalería. O obxectivo era informar da iniciativa e detectar as necesidades dos hostaleiros para facilitarlles o reciclado dos envases de vidro”.
A concelleira de Medio Ambiente subliñou que “a campaña foi acollida con éxito no sector e benefícianse dela nesta primeira fase uns 25 locais de hostalería”. O equipo de goberno agarda que “esta campaña serva para seguir mellorando a reciclaxe de vidro en Burela, onde, segundo os últimos datos, no 2011 reciclamos uns 135.000 quilos de vidro, o que supón que cada veciño reciclou de media 14 quilos”.
No acto desenvolvido esta mañá participaron ademáis de Patricia López Eijo, o alcalde de Burela, José Mª González Barcia, o xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández, e o responsable de Ascan, a empresa concesionaria do servizo de recollida de vidro en Burela, Pablo Rouco.