Pé de foto:
Reporteiros de CUARTO MILENIO da TV CUATRO por terras de Foz.
O programa que se emite os domingos de noite, Cuarto Milenio de TV Cuatro, que está dirixido por Iker Jiménez e Carmen Porter, nesta ocasión desprazaron a Foz uns reporteiros interesados polas historias e lendas de Xesús do Breogán.
O reporteiro de Cuarto Milenio, Pablo Villarrubia, Doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e Licenciado pola Facultade de Cásper Líbero (Sao Paulo, Brasil 1986), xornalista e escritor. Xunto co cámara, experimentado fotógrafo madrileño, José Alberto Gómez, estiveron gravando en Foz durante dous días consecutivos.
A historia que impresionou a Iker Jiménez e Carmen Porter, foi a acontecida en Foz entre os días 17 e 18 de setembro de 1929 no cemiterio parroquial, escenario utilizado por unha parella da vila de 18 e 19 anos de idade, que emulando a Romeu e Xulieta, fóronse para o Campo Santo, lugar onde sobre dunha tumba se dispararon un tiro de revolver na sen, atravesando o proxectil o cranio de ambos rapaces quedando os dous cegos a consecuencia das feridas. Emérita que así se chamaba a rapaza, morre quince meses despois do suceso e Nicanor, que así se chamaba el, sobrevive e refai a súa vida casándose con Celia Otero. e traballando de follateiro sendo cego.
Os reporteiros de Cuarto Milenio filmaron varios lugares de Foz, destacando o cemiterio parroquial onde entrevistaron a diversas persoas que lembran tal suceso, así como lugares de A Soalta, Ollo do Mar e A Ronqueira, por onde a parella supostamente tiña previsto suicidarse, cambiando máis tarde ese escenario polo cemiterio.
Participaron nesta filmación, o cronista oficial de Foz, Suso Fernández, que destacou ante as cámaras tal acontecemento e como un dos sucesos máis conmovedores da historia de Foz, e a bibliotecaria Chus Álvarez que louvou a película en corto de 22 minutos, realizada e dirixida polo profesor e dramaturgo Paco Piñeiro sobre da emblemática parella, proxectada na Casa da Cultura co gallo do Día dos Namorados deste 2012.
Xesús do Breogán tamén gravou ante a cámara dúas lendas máis, unha de carácter popular en Galicia como é a Santa Compaña e outra de ámbito local de Foz, “O paxaro que non existía” acontecida no barrio de A Goleta na Espiñeira.
Compre destacar que os relatos facilitados por Xesús do Breogán ós reporteiros de Cuarto Milenio, foron tan interesantes, que os reporteiros deste programa quedaron de volver a Foz dentro aproximadamente de un mes, para continuar con estas lendas, destacando nun principio a lenda dunha misteriosa luz que se aparecía brillando polas noites no medio do bosque e sobre dun muíño da parroquia de Fazouro. Xesús do Breogán e os reporteiros de Cuarto Milenio, xa quedaron con varias testemuñas dese estraño fenómenos, incluso os propios moradores do muíño.