Coincidido co Cumio do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) en Galicia
Espazo Ecosocialista presenta un informe con nove propostas e denuncia a ausencia de políticas reais por parte da Xunta de Galicia
Os ecosocialistas alertan sobre os efectos do cambio climático en Galicia
Compostela, 07.11.2012.- A xuntanza que manteñen esta semana en Vigo máis de 300 expertos pertencentes ao Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) e o recente paso do furacán Sandy polas illas caribeñas e a costa occidental de EEUU traslada o foco da actualidade sobre o cambio climático, unha das ameazas máis graves que penden sobre o planeta.
Galicia non é allea a esta realidade, nin na súa contribución en emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) nin en padecer as súas consecuencias. Contamos con dúas das maiores produtoras de GEI de Europa (as centrais térmicas de Meirama e As Pontes) e unhas políticas inexistentes referidas á mitigación e preparación da nova realidade climática que albiscamos xa no horizonte.
Hai unha realidade evidente fora de toda dúbida: o cambio climático está a acontecer e as súas consecuencias comezan a manifestarse. O aumento das temperaturas medias dos océanos e do aire, a fusión xeneralizada do xeo e o permafrost xunto co aumento da media do nivel do mar non deixan lugar a dúbidas.
O informe do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC) de 2007, amosa evidencias suficientes para afirmar que o quecemento do sistema climático é inequívoco e establece como causa probable as actividades humanas.
Os impactos afectan e afectarán irremediablemente á dispoñibilidade de auga, a degradación da terra, a seguridade alimentaria, extensión de enfermidades e a perda da biodiversidade e levarán parellos o aumento en frecuencia e intensidade dos fenómenos meteorolóxicos extremos como vagas de frío/calor, inundacións, secas, tormentas e furacáns, etc. O impacto do furacán Sandy nas illas caribeñas e na costa occidental de EEUU é un exemplo máis, visibilizado por afectar a unha das nacións máis industrializadas e por tanto máis culpábeis do cambio climático.
As estimacións máis optimistas do último informe do IPCC (2007) situaban a suba nas medias de temperatura para o presente século entre 1,8e 40 C.
Espazo Ecosocialista aborda no informe elaborado pola comisión de sustentabilidade, e presentado hoxe en Santiago de Compostela, as emisións de GEI en Galicia.
Desde o ano 1990 (ano de referencia do protocolo de Quioto para a redución de emisións) as emisións de GEI Galegas foron moi altas, incrementándose exponencialmente ate o ano 2008, superando nun 6,2% os límites de incremento dun 15% marcados polo Protocolo de Quioto para o conxunto do estado español para o período 1990 – 2012.
O impacto da crise supuxo un descenso continuado entre 2008 e 2010 dun 26% explicado en grande parte pola entrada en funcionamento dos ciclos combinados de As Pontes e Meirama, xunto cun forte incremento da produción renovábel acaecida no 2010.
Non obstante para o ano 2011 apúntase a un novo incremento de emisións tras tres ano de descenso. O aumento de emisións das centrais térmicas de carbón están detrás deste incremento, provocadas pola infrautilización das centrais de ciclo combinado debido ao custo de xeración por KW, ao parón eólico e a seca.
Os maiores sectores de emisións de GEI son os correspondentes á xeración eléctrica e ao transporte
Evidencias do cambio climático en Galicia
Segundo o informe de Espazo Ecosocialista ás evidencias do cambio climático xa se fixeron evidente.
A nivel climático, distintos estudos constatan unha diminución de días fríos en outono e un aumento de días cálidos en primavera e verán, descenso do réxime de chuvias en primavera e aumento en outono
No medio mariño constátase a redución nun 45% da intensidade media do afloramento nas rías galegas, o principal responsábel da súa fertilidade. Este fenómeno está ligado á frecuencia e intensidade dos ventos do nordeste que reduciu os días de presenza nun 30%. Por poñer un exemplo gráfico, a taxa de renovación da ría de Vigo duplicouse nos últimos 40 anos, diminuíndo a súa fertilidade.
Tamén o nivel do mar nas nosas costas medrou entre 2 e2.5 cmdesde 1940 ate hoxe en día con importantes efectos nas dinámicas de litoral. O incremento significativo de peixes mariños de latitudes subtropicais e tropicais parella a diminución de peixes de latitudes subpolares indica tamén un quecemento das augas.
Outro elemento salientábel é a expansión da temporada de incendios, agravándose as situacións de perigo en marzo e xuño e de xullo a setembro.
Adiántase a época de floración de especies arbóreas, aumenta a caracterización mediterránea das especies, mudan os períodos de migración de aves . . .
Cales son as previsións?
O aumento da temperatura media anual roldará o1,5 °Cen toda Galicia, e será moi superior na primavera e, especialmente, no verán que no outono e inverno. O número de días cálidos aumentará sensiblemente no verán, así como as noites cálidas na costa e algo menos en zonas do interior.
En canto á precipitación, prevese unha diminución importante na primavera e no verán (agás na costa noroeste) e un aumento considerable na mesma magnitude no outono e no inverno, superior ao 25%. A media anual terá un aumento máis moderado, pero, aínda así, alcanzará o 25% nas montañas da dorsal galega.
Diante dun problema local e global de envergadura a Xunta de Galicia ten un pésimo currículo
A primeira nova de actuacións da administración fronte ao cambio climático chegou cando Xosé Manuel Barreiro era Conselleiro de Medio Ambiente no último goberno Fraga. Con grande alarde de medios presentou a “Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático, documento de referencia que ficou niso, nun documento sen maiores consecuencias.
Máis adiante, no último período do goberno Touriño, e tras repetidos adiamentos, presentouse finalmente o borrador do Plano Galego de Acción fronte á Mudanza Climática, que a pesares de recoñecerlle o mérito de ser o primeiro do seu tipo no noso país, era moi pouco ambiciosa particularmente no tema de redución de emisións. O seu obxectivo era reducir no tramo 2008-2012 nove millóns de toneladas que veñen sendo as emisións de As Pontes nun ano normal.
Por último salientar o programa de educación ambiental Climántica que fixo unha importante labor de divulgación no eido escolar fundamentalmente.
Ademais desta cativo currículo, cumpre salientar que as políticas e actuacións da administración noutros campos foron en dirección contraria. Os distintos planos de transporte presentados fomentaban maioritariamente o automóbil privado, o respaldo a produción eléctrica máis contaminante como a do carbón do carbón, a aposta pola incineración na xestión de residuos sólidos urbanos, a paralización do concurso eólico e a supresión da prima eólica (decretada polo goberno amigo de Madrid) son só algúns exemplos
Propostas de Espazo Ecosocialista Galego para loitar contra o Cambio Climático
A loita contra o cambio climático é e debe ser unha loita global e colaborativa, na que se impliquen todas as nacións e administracións. Mais esta loita global ten sustentarse en iniciativas máis locais, é dicir, loitar desde o fogar ate a ONU. Espazo Ecosocialista Galego traballa neste país mais mantén contactos colaborativos en rede con outras iniciativas políticas galegas, estatais e europeas acreditando na cooperación política como ferramenta de transformación, actuando localmente e pensando globalmente.
Desde Espazo Ecosocialista Galego propomos nove medidas que formarán parte dunha iniciativa parlamentar que canalizaremos polo Grupo Parlamentar de AGE. Estas son:
A creación no goberno galego dunha Vicepresidencia para a Sustentabilidade, encargada de coordinar as actuacións da administración Galega para encamiñalas cara ao obxectivo de acadar a sustentabilidade ambiental da sociedade galega. Contará cunha Secretaría Xeral de Loita contra o Cambio Climático
Aprobar unha Lei contra o Cambio Climático que estableza para Galicia obxectivos de redución das emisións causantes do cambio climático con reducións da orde do 30% ao respecto de 1990 para o 2020 e do 80% para o 2050
Programa de aforro e eficiencia enerxética con especial atención á rehabilitación enerxética dos edificios.
Plan de implantación xeneralizado de enerxías renovábeis co obxectivo de acadar o 100% de produción enerxética renovábel no menor tempo posíbel. Deberá fundamentarse na xeración distribuída e descentralizada, na maximización dos beneficios socioeconómicos para a sociedade galega e na minimización do seu impacto sobre territorio e biodiversidade.
Implantación de políticas fiscais verdes que penalicen a produción eléctrica sucia e premien ás enerxías renovábeis e as medidas de redución do consumo enerxético, reorientando os investimentos públicos adicados as enerxías máis contaminantes cara a redución e eficiencia enerxética xunto coas renovábeis
Deseñar un Plano de Mobilidade Sustentábel priorice a creación de proximidade e a redución da demanda de transporte (de forma integrada coa planificación territorial e urbanística), restrinxa o transporte privado (sobre todo nas comarcas urbanas), fomente a intermodalidade, e logre unha transferencia substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos de transporte menos contaminantes (ferrocarril, autobús, bicicleta,…).
Peche da inicineradora de SOGAMA e aposta pola redución de residuos, a compostaxe de fracción orgánica e a recuperación e reciclaxe cunha estrutura comarcal
Promover unha agricultura sustentable a escala local, ecolóxica, desenvolvendo circuítos de comercialización de proximidade
Unha forte aposta pola educación e a participación ambiental, desenvolvendo planos de adaptación ao cambio climático a niveis sectoriais e de comunidade, proporcionando as ferramentas para que a cidadanía tome conciencia e faga parte activa dos procesos de adaptación.
Estas propostas serán levadas aos concellos en forma de moción e ao grupo parlamentar de AGE para que tramita no parlamento galego en forma de PNL