O ALCALDE DE RIOTORTO CONVOCA AOS VECIÑOS A UNHA
CONCENTRACIÓN PARA EVITAR O FECHE DA ÚNICA OFICINA DE
NGB NO MUNICIPIO
Gutiérrez Estoa agradece a unidade do pobo para evitar que Riotorto pase a
ser un concello de segunda e o posicionamento unánime da Deputación
sobre este asunto
O rexedor municipal subliña o papel de servizo aos veciños e de
dinamización económica que supón a sucursal de NGB no municipio
Riotorto, 28 de novembro de 2012.
O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, chama aos veciños e veciñas do
concello a participar na concentración que terá lugar o vindeiro sábado, ás 12:00 horas,
na Praza das Rodrigas, para evitar o feche da única entidade financeira asentada no
concello, a sucursal de Novagalicia Banco (NGB).
Estoa insiste na importancia de que o pobo e as institucións sigan mostrando a mesma
unidade que até o de agora sobre este asunto que cualifica de “capital para Riotorto” en
canto asegura “a sucursal de NGB ofrece servizo aos veciños e veciñas pero tamén
contribúe á dinamización económica do municipio, aspecto especialmente relevante nun
momento difícil como o actual.”
O pasado luns, máis de 200 persoas participaron na asemblea celebrada no Centro
Sociocultural de Riotorto na que quedou patente a unanimidade que existe entre os
veciños e veciñas sobre a importancia de que o concello non quede sen este servizo e na
que se amosou o respaldo cara a folla de ruta plantexada polo alcalde para evitar a
desaparición desta oficina bancaria. “Unha vez máis –asegura o rexedor- os veciños e
veciñas de Riotorto demostraron estar a altura das circunstancias ante os ataques
daqueles que queren rebaixar de categoría o noso concello.”
Federico Gutiérrez amosa a súa satisfación ante o posicionamento das tres forzas
políticas con representación na Deputación Provincial de Lugo que onte aprobaron por
unanimidade iniciar as xestións oportunas para manter xuntanzas co Ministerio de
Economía e Competitividade e a Consellería de Facenda da Xunta de Galiza para
reclamarlles, na súa condición de accionistas maioritarios de NGB, que garantan a
continuidade da oficina que a entidade ten en Riotorto. “Agradezo a unidade amosada
dende a institución provincial e o compromiso que acadou pero tamén a súa lealdade
institucional. Os tres grupos provinciais foron capaces de deixar a un lado as súas
posturas puramente partidistas e ofreceron a imaxe de unidade que se require neste
momento e neste asunto.”