Ultimátum do goberno de Cervo á Deputación para que adquira os terreos para a ampliación do Museo do Mar
-O Concello está disposto a colaborar co ente provincial, pese a que esta é a única administración competente
-O PP instará ao Pleno Municipal e Provincial á urxente adquisición dos terreos e, en caso de negarse, socialistas e nacionalistas serán os únicos responsables de frustrar esta operación
-Villares e Balseiro aseguran que a compra do solar é a única opción viable para ampliar o museo xa que o “alpendre” proposto pola Deputación non está permitido pola normativa urbanística e ademais é indigno
Cervo, 8 de novembro de 2012-O goberno de Cervo vén de lanzar un ultimátum á Deputación de Lugo para que abandone a súa postura actual de total inmobilismo e adquira os terreos anexos ao Museo Provincial do Mar que farían posible a moi necesaria ampliación desta importantísima infraestrutura museística situada na localidade de San Ciprián. Unha petición de urxencia que deron a coñecer hoxe en rolda de prensa o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o primeiro tenente de alcalde, José Manuel Balseiro.
Na súa intervención, os dirixentes cervenses ofreceron á Deputación a colaboración do Concello para que a ampliación sexa unha realidade, pese a que esta última é a única administración competente neste ámbito. Con esta proposta de participación o goberno local busca impedir que os terreos previstos para a ampliación rematen acollendo un edificio de cinco plantas, tal e como pretende a actual propietaria dos terreos.
Ambos dirixentes queren evitar por todos os medios que este ultimátum caia de novo en saco roto e sexa ignorado pola Deputación, ao igual que leva ocorrendo nos últimos anos coas incesantes peticións de información remitidas polo Concello por vía oficial e que “nunca tiveron resposta”, tal e como asegura Villares. O rexedor lembra que a última vez que a administración local se puxo en contacto coa Deputación foi no pasado mes de agosto, cando o Concello lle advertiu, a través dunha carta, que a ampliación corría perigo, e poñía un prazo dun mes para recibir unha resposta sobre as intencións da Deputación, que de novo deu a calada por resposta.
Agora, o PP levará o asunto da compra dos terreos aos plenos municipal e provincial, instando á Deputación a que efectúe a compra de inmediato e buscando así o compromiso de socialistas e nacionalistas que, no caso de votar en contra, “serán os únicos responsables de sentenciar de morte a ampliación do museo”, declara o alcalde.
Segundo explicaron Villares e Balseiro, a urxencia está motivada pola solicitude realizada pola propietaria dos terreos para a aprobación do estudo de detalle, un dos pasos necesarios para erguer dito bloque de vivendas. “PSOE e BNG terán que elixir entre conseguir unhas instalacións amplas para o Museo do Mar ou ver como un edificio de vivendas se leva por diante o sentir da Mariña”, asegura Villares. No caso de obviar a petición do Concello, quedará frustrada para sempre a posible ampliación do único museo da provincia de Lugo -e un dos únicos de Galicia- dedicados á posta en valor do rico patrimonio marítimo-pesqueiro.
Un ataque ao noso patrimonio e á nosa cultura
“Socialistas e nacionalistas presumen de apoiar a cultura, pero desde a Deputación de Lugo desprezan absolutamente as nosas peticións. Non entenden que esta non é unha reclamación partidista, do PP, senón dos veciños e do conxunto dos profesionais do mar que ven como se esvaece a oportunidade de ampliar un museo que fai tempo superou o límite da súa capacidade”, manifesta o tenente de alcalde. E é que o Museo do Mar está totalmente desbordado e existe numeroso material almacenado que, por falta de espazo, non se pode expoñer ao público “desaproveitándose o seu valor”, matiza Balseiro. O tenente de alcalde explica que esta instalación museística “recibe ao ano unhas 18.000 visitas, e é unha das máis frecuentadas de toda a provincia, motivos demais para prestarlle a atención que merece”.
Para Balseiro “a actitude da Deputación é un ataque ao noso patrimonio e á nosa cultura, e a ausencia de compromiso coa ampliación do museo por parte do Goberno Provincial demostra un tremendo desinterese pola nosa tradición mariñeira”.
Oídos xordos ás reiteradas peticións do Concello
Remontándose aos antecedentes, alcalde e tenente de alcalde, deixaron claro que ata o de agora o Goberno Provincial fixo sempre oídos xordos ás reiteradas peticións, escritos e solicitudes de información que cursaban desde o Concello “nun contexto de continuo ninguneo aos veciños e á sociedade que admira ao seu museo”.
Ambos responsables políticos lamentan a actitude do executivo que preside o socialista Gómez Besteiro e que “parece que está vicepresidido por unha concelleira socialista de Cervo. E dicimos parece porque aínda non moveu un dedo por Cervo nin se implicou na compra dos terreos. Unha cervense preocupada polos problemas dos veciños tería conseguido a compra do solar hai moitos anos”.
De feito a pretensión de ampliar o Museo do Mar é un desexo da sociedade cervense e mariñá que vén de anos atrás. Foi no 2005 cando o pleno da corporación acordou por unanimidade solicitar á Deputación o inicio dos trámites para levar a cabo o proxecto. “Hoxe en día, varios concelleiros do PSOE e do BNG teñen distintas responsabilidades na Deputación, peros todo eles esqueceron o seu voto e o compromiso que adquiriran daquela, e son os primeiros en bloquear e gardar silencio ante os requirimentos do Concello”.
A única opción posible
Os integrantes do goberno cervense tamén lembraron que aínda que nun primeiro momento desde a área nacionalista do Goberno Provincial aseguraban que tiñan iniciados contactos coa propietaria dos terreos anexos, sempre se negaron a dar conta do desenvolvemento destas negociacións que, en ningún caso, deron os seus froitos.
A propia Deputación parecía “escorrer o vulto cando anunciaba a construción dun alpendre de mal gusto pegado a un edificio emblemático. Unha chapuza que ademais de ser indigna, non se podería executar de ningunha das maneiras porque incumpre a normativa urbanística” explica o primeiro edil. Deste xeito, “a única opción posible para poder dispoñer dunhas instalacións museísticas amplas e de calidade é adquirir os terreos tal e como se acordou no pleno de 2005 e como vimos reclamando durante todos estes anos” remata Villares.