O Concello vese na obriga de aprobar o estudo de detalle para a construción dun edificio na parcela prevista para ampliar o Museo do Mar
-A Deputación dixo non á ampliación da instalación museística
-O rexedor explica que se trata dun deber inevitable como administración despois de comprobar que o estudo de detalle conta con todos os informes favorables e cumpre coa normativa urbanística
-A dona dos terreos onde se ía facer a ampliación leva tempo ameazando ao Concello con denuncialo se os trámites se retrasan
Cervo, 1 de decembro de 2012-O Concello de Cervo anunciou hoxe que levará ao pleno a proposta de aprobación do estudo de detalle que permite a construción dun edificio na parcela contigua ao Museo do Mar, a mesma prevista para executar a ampliación de dito museo.
O rexedor quere deixar moi claro que a aprobación do estudo de detalle, despois de comprobar a súa corrección e a súa legalidade e contar con todos os informes favorables, é un trámite “obrigatorio e que o Concello non pode evitar nin retrasar, polo que o que estamos facendo é unicamente cumprir coa normativa e coas nosas obrigas como administración local”. “É máis”, engade o mandatario cervense, “a propietaria ten uns dereitos que a lei lle outorga como dona deses terreos e nós temos que actuar de forma responsable en base a eses dereitos e, polo tanto, cumprindo co legalidade”.
O alcalde de Cervo manifestou a súa “tristura” e a de todo o goberno local por ter que completar este trámite. “Non temos máis remedio” engade o rexedor, que explica ademais que a propietaria desa parcela ten ameazado en diversas ocasións ao Concello con denuncialo, o que fai que a urxencia sexa maior. “A Deputación tivo moitos anos para efectuar a compra, pero o tempo esgotouse”, declara Villares. Ademais, a postura do Goberno Provincial é “tallante e clara” despois de manifestar no último pleno que non van mercar os terreos” asegura o primeiro edil.
O Concello cervense lembra que a aprobación do estudo de detalle non tería sido necesaria se a Deputación tivera iniciado os contactos coa propietaria dos terreos para a súa adquisición e tivera chegado a un acordo con ela. A administración local tamén lembra que a compra do solar era a única forma real de “blindar a ampliación do Museo do Mar e a posibilidade de contar cunhas instalacións de calidade e con capacidade para acoller o inxente material que nestes momentos está almacenado e sen expoñer por falta de espazo” e, ao mesmo tempo, “de evitar que se leve a cabo a edificación”, explica Villares.
O mandatario cervense tamén lamenta que PSOE e BNG votaran en contra da ampliación rexeitando a moción presentada polo grupo popular no pleno da Deputación. Nesa moción instábase ao Goberno Provincial a adquirir os terreos. “Dixeron que non ao Museo do Mar”, explica Villares, “aínda que non sei como van poder explicar iso á cidadanía”. Porén, o alcalde considera máis inexplicable que “unha concelleira de Cervo votara en contra de ampliar o Museo do Mar do seu propio Concello, e coa complicidade do asesor do BNG na Deputación e tamén concelleiro en Cervo. Foi unha votación histórica”
Ao mesmo tempo, o primeiro edil cuestiona os argumentos da Deputación. “Din que non é o momento, que non hai cartos para iso. Pero si que teñen 1,7 millóns de euros para construír e arranxar instalacións deportivas en Ribadeo e en Monforte”. Son só dous exemplos duns investimentos que se aprobaron no BOP do 10 de febreiro deste ano. “Se seguimos lendo o Boletín Oficial da Provincia podemos atopar investimentos millonarios en determinados concellos, mentres o museo segue agardando”, engade o rexedor. Villares lamenta profundamente que o Goberno Provincial non considere prioritaria a compra duns terreos “únicos” que “estaban dispoñibles e que dentro dun tempo, cando a propietaria pida a licenza e inicie a construción, teranse perdido para sempre, e con eles, toda opción de ampliación”.
O rexedor lembra que no pasado mes de agosto o Concello xa advertira á Deputación da urxencia de avanzar nos trámites para efectuar a compra. O Concello puxérase en contacto co Goberno Provincial para informarlle da difícil situación na que se atopaba a administración local por estar na obriga de aprobar o estudo de detalle do futuro edificio. Nun escrito remitido á Deputación, o Concello expoñía e argumentaba os motivos desa urxencia. Ao mesmo tempo, pedíalle ao executivo provincial que no prazo dun mes se posicionara a favor da compra do terreos e iniciara as xestións oportunas de inmediato para evitar definitivamente que dita ampliación estivera en perigo. Recentemente o Concello lanzara un ultimátum ao Goberno Provincial para tentar obter unha resposta definitiva.