VEIGA SUPERVISA OS TRABALLOS DE REPARACIÓN DA CARPINTERÍA DA RESIDENCIA MUNICIPAL DE RIBADEO
Vicepresidencia da Deputación continúa apostando polas políticas sociais e o benestar dos maiores
Ribadeo, 27 de decembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da área de Benestar Social, Antonio Veiga, visitou, esta mañá, acompañado do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Saúde e Benestar Social, Teresa González, os traballos de reparación da carpintería da Residencia Municipal Hospital – Asilo San Sebastián e San Lázaro, que supoñen un investimento de 59.218,30 euros.
Durante a visita, Veiga salientou “o bo rimo co que avanzan os traballos” e insistiu “na importancia da actuación dado, por unha banda o aforro que suporá no gasto enerxético ao evitar fugas térmicas e, por outra, na medida en que repercutirá na mellora do benestar dos usuarios e usuarias da residencia. A pesar da situación de crise económica pola que atravesa o país, a prioridade da Vicepresidencia da Deputación segue a ser a posta en marcha de políticas sociais que redundan no benestar dos maiores”.
Este investimento da Vicepresidencia da Deputación súmase ao que xa realizou hai tres anos, cun importe de 150.000 euros, para modernizar as instalacións e adoptalas ás novas normativas, dotando ao centro dunha nova enfermería e renovando as máquinas de lavandería, mobiliario e as instalacións da cociña e a sala de estar.