Cervo ofrece por terceiro ano o curso de palillar impartido por Modesta Lombardero
-O prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura
-O curso desenvolverase os luns en Cervo e os venres en San Cibrao
-Este é o terceiro ano consecutivo no que o Concello organiza esta iniciativa de achegamento a unha práctica tan arraigada e tradicional no municipio cervense
Cervo, 8 de xaneiro de 2013-A Concellería de Igualdade volve poñer en marcha o curso de palillar que vén ofrecendo nos últimos anos como complemento ao X Encontro de Palilleiras, que este ano se celebrará o 6 de abril. O curso, gratuíto e aberto a todos os públicos, comezará o 1 de febreiro en San Cibrao e o 4 en Cervo, e consistirá no achegamento a esta arte tradicional, ben para iniciarse ou ben para mellorar e perfeccionar a técnica.
En canto aos días e as horas de celebración, destacar que o curso terá lugar todos os luns en Cervo, de 16:00 a 18:00 horas (Ecomuseo) e os venres en San Cibrao, de 18:00 a 20:00 horas (Casa da Cultura).
A palilleira Modesta Lombardero, profesional con anos de experiencia e implicada na organización do Encontro, será a encargada de guiar ao alumnado durante os tres meses que durará esta actividade, que finalizará no mes de abril.
Para participar é imprescindible inscribirse e o prazo xa está aberto. Para iso, as persoas interesadas, que deben estar censadas en Cervo, poden contactar coa Casa da Cultura. Para poder levar a cabo a actividade é necesario que exista un mínimo de seis alumnos en cada centro.
A edil de Igualdade, Pilar Armada, destaca que “este curso permite dar un paso máis no fomento da arte de palillar”, xa que “consegue involucrar aos seus participantes e facelos experimentar un proceso artesanal único e moi arraigado no noso municipio”.