Besteiro reclama que a reforma do Réxime Local conte “co máis amplo consenso, pois está en xogo un modelo de sociedade”
– Durante a inauguración do IV Encontro de Cooperación cos Concellos, o Presidente apostou por “unha profunda reordenación competencial dos entes locais, priorizando as cirurxías funcionais, fronte ás territoriais”
– Unhas 160 persoas asisten ás xornadas, durante as que Manuel Zafra, Roberto Blanco Valdés, José María Gimeno, Jordi Sevilla e Alba Nogueira abordan o presente e futuro de Deputacións e municipios, así como a contratación conxunta como fórmula para aforrar custes
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este luns no Salón de Actos de San Marcos o IV Encontro de Cooperación cos Concellos, unhas xornadas que nesta ocasión teñen como obxectivo abrir un debate plural e aberto sobre un tema de máxima actualidade e transcendencia para as entidades locais, como é o futuro das propias Deputacións e Concellos ante a reforma da Lei de Bases de Réxime Local que o Goberno central está a promover. Gómez Besteiro subliñou que esta constitúe “unha das reformas estruturais de maior calado pendentes de acometer no noso país, é unha das chamadas cuestións de Estado, na que está en xogo a repartición do poder político e, consecuentemente, a construción dun modelo de sociedade determinado”. Por todo isto, reclamou “o máis amplo consenso”, tanto a nivel político como social. “Debe procurarse que sexa unha reforma de todos, non pode ser dun partido, nin articularse ó servizo dunha opción política”, recalcou, ademais de demandar “que se arbitren mecanismos de participación efectiva das asociacións de municipios e provincias”.
Neste senso, o Presidente insistiu en que “na organización territorial dunha Nación, dun Estado, e o seu corolario de distribución do poder político, está en xogo a construción de sociedades democráticas, isto non é un mero xogo de dame esta competencia, suprime estes municipios, pecha aquelas deputacións. De fondo hai máis, moito máis. Por iso, reclamo un debate máis rigoroso, menos cortoplacista, pluralista, interdisciplinar e sen apriorismos partidistas”.
O mandatario provincial mostrouse en contra de “grandes cirurxías territoriais, sempre dolorosas e esgotadoras”, priorizando, en cambio, “as profundas cirurxías funcionais. É dicir, apoio decididamente a reordenación competencial dos entes locais: Trátase de saber que se debe facer a nivel municipal, que a nivel intermunicipal, e que a nivel autonómico. Estou decididamente a favor de novas formas de xestión dos servizos locais que respondan a criterios de eficiencia, autofinanciación, sostibilidade e aproveitamento das economías de escala”.
Como mostra desta aposta, puxo ó propio organismo provincial que preside: “Transformamos a Deputación de “intermediaria e mera distribuidora de recursos, a intermedia: que facilita o traballo en rede e a creación de economías de escala, convertendo os “problemas micro” en “solucións macro”.
Por outra banda, Besteiro destacou a importancia de dous documentos “de extraordinario valor” para afrontar a reforma do réxime local, “hoxe lamentablemente pouco tidos en conta”. Aludiu ó Libro Blanco para a Reforma do Goberno Local de 2005 -elaborado baixo o mandato do ministro Jordi Sevilla Segura, sendo Director Xeral precisamente o profesor Manuel Zafra-, e ó Libro Verde sobre os Goberno Locais Intermedios en España, promovido pola fundación Democracia e Goberno Local.
Xornada de debate
Ó longo de toda a xornada, no IV Encontro de Cooperación cos Concellos interveñen 5 expertos de recoñecido prestixio no ámbito da Administración pública e o Dereito Constitucional, que abordan o presente e futuro de Deputacións e municipios, así como a contratación conxunta como fórmula para aforrar custes. Trátase de:
Manuel Zafra: profesor titular de Ciencia Política e da Administración Pública da Universidade de Granada. Foi director xeral de Cooperación Local no Ministerio de Administración Públicas; director xeral de Administración Local na Junta de Andalucía e director do Plan Estratéxico da Deputación de Granada.
Jordi Sevilla: Ministro de Administracións Públicas (2004-2007). É licenciado en Ciencias Económicas e pertence ó Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado
Roberto Blanco Valdés: Catedrático de Dereito Político e Constitucional da USC, e escritor de máis de cen traballos e unha decea de libros
José María Gimeno Feliu: Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza. Trátase dun experto en contratación pública, que preside dende o 2011 o Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Aragón
Alba Nogueira: profesora titular de Dereito Administrativo da USC.