A Área de Cultura da Deputación de Lugo promove unha serie de actos co gallo da celebración do Día de Rosalía, no que se conmemora, ademais do nacemento da escritora o 24 de febreiro, o ano do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta.
Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo, afirmou que “Rosalía é unha figura indispensábel na literatura do século XIX e, sen lugar a dúbidas, a escritora fundacional da literatura galega após o Rexurdimento, polo que nos sumamos a estes actos de conmemoración que consideramos indispensábeis na súa honra”.
A maiores das diversas actividades que se estiveron levando a cabo ao redor da figura de Rosalía de Castro na Rede Museística, con obradoiros para os nenos e nenas e demais actividades, este sábado terá lugar unha lectura de textos rosalianos no refectorio do Museo de Lugo ás 7 da tarde, promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que tamén se realizará de xeito simultáneo noutros actos por todo o país cos que se tenta proxectar a figura e a obra rosaliana nos diferentes ámbitos sociais.
Intervirán nas lecturas socios/as do Clube Cultural Valle-Inclán, alumnado da Escola de Narración Oral de Lugo e socios/as da propia AELG. Na parte musical colaboran Laura Mª Alonso e Víctor M. González. Representantes da AELG darán lectura ao manifesto oficial.
Tamén o domingo 24, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares Gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral.